O departamento de Cultura realizou unha avaliación do calendario de accións que se levaron a cabo ao longo de todo o 2019. A programación cultural experimentou, nos últimos
anos, unha tendencia de crecemento, tanto no número de propostas como en cifras de asistencia.
Unha das conclusións máis positivas que indica o estudio é a tendencia de crecemento que a programación cultural experimentou nos últimos anos –tanto en número de actividades como en cifras de asistencia-. Así, tal e como sinala o documento, o Concello organizou, durante o 2019, un total de 73 actividades ás que acudiron 5.314 veciños e veciñas do municipio. En contraposición, en 2015 leváronse a cabo un total de 50 actos culturais que congregaron a 3.452 participantes.
No estudo fíxose unha distinción en función da tipoloxía das iniciativas, dividíndoas nas seguintes categorías: teatro, maxia, títeres e monólogos; contacontos; cine; danza; música; exposicións; festas; obradoiros e escolas e outros –conferencias, club de lectura, etc.-. De todas as propostas realizadas, o concerto de The Cerne foi a que acadou a mellor cifra en canto a número de espectadores (450, en total).
Moitas das propostas están englobadas dentro de programas como a Rede Cultural da Deputación da Coruña, Cultura no Camiño, Ler conta moito, Rede de Normalización Lingüística, Festival Galicreques e o Encontro de Música de Pulso e Púa. Porén, 37 foron de organización propia ou en colaboración con outras institucións.
Por último, o documento presenta algunhas das conclusións e aspectos a mellorar. Para o período actual e para vindeiros exercicios, o departamento de Cultura márcase, entre outros, os seguintes obxectivos:
• Cubrir a oferta cultural nos meses de menos programación, sobre todo, no primeiro semestre do ano.
• Valorar a posibilidade de organizar espectáculos de danza na rúa.
• Consolidar os ciclos de artes escénicas, de cine, festivais, etcétera, que xa obtiveron bos resultados en pasadas edicións.
• Fomentar a oferta musical con espectáculos atractivos e seguir coa estratexia de concertos didácticos cos que crear novos públicos.
• Deseñar unha oferta de obradoiros que permita atender a demanda por actividades que mesturen formación e lecer.
Pódese acceder ao informe premendo aquí.