A compañía Sarabela Teatro presentará en Tabeaio a súa obra O secuestro da bibliotecaria, basada no conto co mesmo título e dirixida a público familiar. Con este espectáculo a Concellería de Cultura inicia un novo ciclo Teatro de Outono, no que tomarán parte sete funcións. Sarabela abriráo este sábado, ás 19:30 h. no local Xente Nova.
O programa continuará con Percubebé, unha función para nenos e nenas de 0 a 3 anos, no edificio social Toñito Espiñeira, o sábado 7 de outubro, no que a música será o principal estímulo. Para este caso, e dado que o aforo é especialmente limitado, será necesario retirar os convites na Casa da Cultura nos dous días anteriores.
Teatro de Outuno ofrecerá ademais obras das compañías Ibuprofeno Teatro coa súa exitosa obra O furancho (21 de outubro), a carralesa Charamusca Teatro estreando La oportunidad (29 de outubro), Malasombra Teatro presentando D.E.P. (4 de novembro), Manicómicos coa súa nova obra A orquestra do mar (18 de novembro), e O Aturuxo de Melpómene con Terapia de bar (2 de decembro). A comedia domina o ciclo e hai espectáculos para todas as idades.
En todas as funcións a entrada é de balde, mais una vez iniciada cada función xa non se poderá acceder á sala.
No último custrimestre do ano a Concellería de Cultura incide especialmente na súa programación coas artes escénicas, cos programas de Venres de Monólogo que rematará o 6 de outubro, o festival Galicreques que pasará por Carral o 26 e 27 de outubro, e o ciclo de teatro que comeza esta semana. Contacontos, cine, exposicións e música completarán a oferta cultural ata final de ano.