O Concello de Carral presentará o libro Fotos para as mil historias de Carral que recompila unhas 300 imaxes antigas do municipio e que formaron parte das exposicións itinerantes do mesmo nome.
O acto terá lugar o sábado 6 de xuño, no edificio social Toñito Espiñeira, ás 18:00 h. Nel intervirán o alcalde, José Luis Fernández Mouriño, e o técnico municipal de Cultura, Carlos Lorenzo Pérez, que coordinou o novo libro. A publicación contou coa colaboración da Deputación Provincial da Coruña, editándose na súa imprenta.
O libro presenta imaxes desde 1879 ata os anos 70, con fotografías nas que se pode comprobar a transformación da paisaxe do municipio así como da súa sociedade. A publicación está dividida por temáticas: pazos, paisaxes, oficios, deportes, actos sociais e retratos. Todas as fotografías forman parte do Arquivo Fotográfico Municipal que se nutre de doazóns por parte de entidades e particulares. Na actualidade xa son unhas 60 persoas as que teñen cedido imaxes para este arquivo.
Ademais do libro en papel, o Concello de Carral porá a disposición a nova publicación nunha versión en pdf na páxina web municipal carral.es.
O libro distribuirase de balde. As persoas que desexen contar cun exemplar poderán solicitalo no acto de presentación ou posteriormente na Casa da Cultura.