O recoñecido actor Pepo Suevos pasará este venres polo escenario do edificio social Toñito Espiñeira na terceira sesión do ciclo Venres de Monólogo.
Pepo Suevos é un dos actores máis recoñecidos da televisión en Galicia, interpretando personaxes en programas e series como Pratos Combinados, Mareas Vivas, Terras de Miranda, O show dos Tonechos, Caseiros ou en Luar, entre outros moitos. Ten participado en múltiples películas e como contador de historias acumula máis dun milleiro de monólogos ás súas costas, e sempre se amosa disposto a encher de humor o escenario ao que se sube, tanto sexa nun teatro, nun bar ou nunha verbena. Este venres presentará en Carral o seu monólogo Humor Salvaxe.
A actuación comezará ás 21:00 h. É un espectáculo recomendado para maiores de 14 anos. A entrada é de balde e o aforo limitado. Prégase puntualidade ao público para evitar interrupcións no espectáculo.