UN INFORME DE AUGAS DE GALICIA SINALA QUE A CASETA E A FOSA SÉPTICA DE CABROIS INCUMPREN AS DISTANCIA ESIXIDAS POR LEI

A demolición do galpón de Cabrois realizarase en base a catro informes negativos: dous do arquitecto municipal, un da interventora e outro de Augas de Galicia. Neste último, indícase que tanto a caseta como a fosa séptica invaden unha zona de servidume do leito de auga determinando, por tanto, que estes elementos non poden legalizarse. O alcalde de Carral, Javier Gestal, volveu lamentar que as malas xestións “do anterior goberno sigan custándolles cartos aos veciños e veciñas de Carral, neste caso serán outros 30.000 euros os que o Concello empregará para demoler esta construción e repoñer a legalidade”.

O arquitecto municipal e a interventora xa emitiran informes desfavorables no ano 2019. O arquitecto indicaba, por unha banda, que durante a execución das obras non se respectaron as distancias fixadas no anteproxecto. Polo outro, a interventora emitiu un informe con reparos suspensivos e sinalaba, ademais, que as actuacións non tiveran un seguimento por parte do director de obra e do arquitecto.

No 2022, Augas de Galicia remitiu ao Concello apuntando que a caseta e a fosa séptica se construíran invadindo a zona de servidume do leito de auga. Pola súa banda, o informe do 2022 do arquitecto apunta que estes elementos están situados nunha parcela distinta á que aparecía no convenio asinado co propietario da parcela, clasificada como chan rústico de especial protección das augas.

O rexedor explica que a intención desde o goberno local foi “en todo momento, dar de alta a luz e o resto de servizos para que os veciños e veciñas puidesen facer uso desta instalación”. Con todo, Gestal sinala que “tras recibir os diferentes informes, o deber do Concello ten que ser o de repoñer a legalidade e, neste caso, derrubar esta construción ilegal”.