MÁIS DE 12.000 RACIÓNS VENDIDAS NA XLIX FESTA DA EMPANADA DE CARRAL

Carral reivindicouse, un ano máis, como capital da empanada. Fíxoo, ademais, con récord de vendas na que é xa a 49ª edición da súa festa na honra a este produto.

As panadarías participantes, Panadaría Mercedes, Panadaría Pedro Fernández, Panadaría Cañás e Panadaría Da Cunha, puxeron o seu forno a todo funcionamento para lograr vender, ao longo desta xornada, ata 12.000 racións deste produto.

Trátase dun dos eventos máis agardados no municipio xa que a empanada é, xunto co pan, o seu produto estrela. Ademais, está consolidada como unha das citas gastronómicas de referencia en toda a comarca.

Nel, veciños e visitantes puideron gozar da degustación de diferentes variedades do produto, habendo dispoñibles racións de empanada de bonito, bacallau e polo (5 euros) e de zamburiñas, polbo e bacallau con pasas (7 euros).

Son xa corenta e nove edicións nas que as panadarías “dobran o seu traballo para poder, así, chegar a estas cifras de venda. É un evento con gran arraigo entre os nosos veciños e veciñas, pero tamén unha cita de referencia para moitas persoas que veñen de fóra para probar a empanada”, sinalou o alcalde, Javier Gestal.

Ao longo da tarde non faltou a música. O grupo de música tradicional ‘Arnela’ e ‘Embruxo Gaiteiros’ foron os encargados de amenizar a tarde dunha xornada que continuará pola noite, a partir das 22:00 horas, coas orquestras París de Noia e Zona Zero nas Festas do Socorro de Carral.