CARRAL INAUGURA UNHA MOSTRA QUE ANALIZA AS PEGADAS DAS CULTURAS GALEGA E ESCANDINAVA EN AMBOS OS DOUS TERRITORIOS
O Local Interxeracional acolleu hoxe, martes 10 de marzo, a inauguración da exposición Galicia escandinava. O Camiño do Oeste a Santiago de Compostela, unha mostra que analiza as pegadas das culturas galega e escandinava en ambos os dous territorios. A exposición está organizada pola Fundación Carlos Casares no marco das actividades do programa O teu Xacobeo, da Consellería de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia. No acto estiveron presentes varios membros do goberno local de Carral, o comisario da mostra, Gustavo Adolfo Garrido, e o administrador da Fundación, Håkan Olof Casares.
O eixo central da mostra é, precisamente, a relación dos países escandinavos: Suecia, Noruega e Dinamarca e os seus antigos territorios –Islandia, Illas Feroé e Orcadas- con Galicia a través do Camiño de Santiago. Así, a través de numerosos paneis, explícase a historia e o desenvolvemento das rutas xacobeas cara a capital galega, amosando os seguintes aspectos: fitos senlleiros, puntos emblemáticos da xeografía, patrimonio material e inmaterial, etc.
A mostra está dividida nos seguintes módulos temáticos: da violencia á peregrinación; a orixe das peregrinacións; as rutas escandinavas a Compostela; Galicia nos países escandinavos e homenaxe a Vicente Almazán. A exposición contará, ademais, cun pequeno vídeo resumo que os visitantes poderán visionar como complemento aos paneis.
As persoas interesadas poderán achegarse ao Local Interxeracional a visitar Galicia escandivana ata o 27 de marzo. A mostra estará dispoñible de luns a venres en horario de 16.00 a 21.00 horas.