A PARTIDA DE SERVIZOS SOCIAIS DE 2023 FOI CASE O DOBRE QUE A DO ANO 2018
O investimento de Servizos Sociais e promoción social de Carral de 2023 foi, practicamente, o dobre que no 2018. Así o confirmou o alcalde de Carral, Javier Gestal, por mor do pleno extraordinario convocado a solicitude do Partido Popular para referendar “a aposta deste goberno por esta área”. O PP de Carral pediu o pleno despois de que a Xunta realizase unha inspección ao departamento de Servizos Sociais. Tratouse duns labores de control que, tal e como aclarou o propio rexedor, “son rutineiras e a Xunta lévaas a cabo de xeito regular cada dous ou tres anos”. Tendo isto en conta, o primeiro edil cualificou de “vergoñosa a postura do PP, ao que se lle propuxo incluír esta cuestión no seguinte pleno ordinario, que se celebrará o día 24 de xaneiro”.
Durante a súa intervención, o rexedor incidiu no “excelente labor” que se está realizando por parte do persoal técnico da área de Servizos Sociais. Unha cualificación que o alcalde sustentou en base ás intervencións que se realizan desde o departamento ao longo do ano. Entre elas, Gestal citou as cifras do Servizo de Axuda no Fogar no 2023, cando se atendeu a 115 persoas de forma directa (62 pola modalidade de dependencia e 53 pola de libre concorrencia); as do programa Xantar na Casa, con 16 prazas cubertas; as da iniciativa de Atención á Familia, coa que se asistiu a 11 familias e as axudas de Emerxencia Social, que chegaron a 11 unidades familiares durante o ano pasado. Gestal referiuse, ademais, a outras actividades e iniciativas que se desenvolven desde Servizos Sociais, como Educando en Valores, o servizo de psicoloxía posto en marcha en 2023, o Plan de Alimentos, o Servizo de Atención Temperá (iniciado no mandato anterior), etc.
Regularización do SAF
O alcalde lembrou que, no 2019, “cando o novo equipo de goberno tomou posesión, o Servizo de Axuda no Fogar atopábase en precario e estaba sendo prestado por catro empresas distintas. Cando chegamos, a elaboración dos pregos foi unha das nosas máximas prioridades e, xa no 2021, fomos quen de quitalo a licitación tras preto de dúas décadas sen regularizar”. O rexedor indicou que o contrato coa empresa foi prorrogado de forma recente e que se está traballando xa “na elaboración dos novos pregos, unha tarefa á que lle damos a máxima prioridade”.
Ademais dos concelleiros da corporación municipal, no pleno estivo presente tamén a coordinadora do departamento de Servizos Sociais e traballadora social, Nuria Aradas Carollo, que se encargou de explicar algúns dos aspectos do informe da Xunta de Galicia. A técnico ratificou as palabras do alcalde, explicando que a inspección do organismo autonómico foi “rutineira” e incidindo, ademais, en que o Concello non recibira ningunha queixa por parte dos usuarios e usuarias do departamento a través das canles oficiais. En canto ás distintas puntualizacións formuladas no posterior informe da Xunta, a coordinadora explicou que a maioría se correspondían con cuestións “burocráticas” que xa foran emendadas de forma administrativa.
Na mesma liña, a concelleira de Servizos Sociais, Inmaculada Mantiñán, agradeceu “o esforzo e o traballo que realiza o persoal do departamento”, subliñando, así mesmo, que na actualidade “a persoal desta área está ao 100 %”. Mantiñán apuntou, ademais, que no 2023 o departamento viuse reforzado coa contratación dunha terceira traballadora social.
A edil explicou que o departamento de Servizos Sociais “é, con total probabilidade, o máis importante do Concello porque é o que atende a persoas en situación de dificultade e/ou vulnerabilidade”. Con todo, a concelleira lamentou que a celebración deste pleno “vaia custarlle aos veciños e veciñas de Carral 700 euros, cando é algo que se podía ter tratado no ordinario da vindeira semana, tal e como se lle propuxo ao PP”.
Gastos orzamentarios
O Concello subiu, practicamente, o dobre o gasto en Servizos Sociais con respecto a 2018. Así, en 2018 (co anterior goberno) a porcentaxe sobre o total do orzamento dedicado a esta área era do 10.89 %, mentres que no 2023 a porcentaxe subiu ata os 18,5 %.