ARRINCA O VIII TORNEO DE PÁDEL DE CARRAL
Este xoves dará comezo o VIII Torneo de Pádel de Carral que se prolongará ata o próximo 15 de setembro.
En total foron 46 xogadores (23 parellas) os rexistrados nesta competición con formato de parellas e mixto. As parellas organízanse en función do seu nivel de xogo. Así no nivel A (medio-alto) inscribíronse 11 parellas, mentres no nivel B (medio-baixo) foron un total de 12 as parellas rexistradas.
A competición dará comezo o próximo xoves 8 de agosto e prolongarase ata o 15 de setembro. Durante as primeiras semanas (ata o 4 de setembro) disputarase unha primeira fase de liguiña por grupos, dos que se clasificarán os dous mellores para a fase eliminatoria (semifinais e final), que terá lugar entre o 9 e o 15 de setembro.
Os partidos, un total de 51, disputaranse en horario de serán, a partir das 19.30 h, podendo modificarse os horarios sempre co acordo entre as parellas enfrontadas. O obxectivo desta competición é o fomento do deporte entre a poboación adulta, así como posibilitar a práctica de novas modalidades deportivas aos habitantes carraleses. Por iso, a participación no torneo terá un carácter gratuíto.