CARRAL ABRE O PRAZO DE INSCRICIÓN PARA AS ESCOLAS MUNICIPAIS 2021/2022, QUE INCLÚEN UNHA TRINTENA DE ACTIVIDADES
O Concello acaba de abrir o prazo de inscrición para as Escolas Municipais 2021/2022, cunha trintena de actividades de educación, cultura e deporte para veciños e veciñas de todas as idades. Tal e como sinalan desde o goberno local, todas as propostas do programa levaranse a cabo atendendo a un estrito protocolo de seguridade para reducir un risco de contaxio pola covid-19.
Como parte das iniciativas escolares faranse as seguintes propostas: atletismo, patinaxe, tiro con arco, pádel, cursos deportivos, ximnasia rítmica, judo, baloncesto, fútbol sala, equitación e tiro olímpico. Pola súa banda, as persoas adultas poderán elixir entre zumba, ioga e jumping fitness. No apartado de cultura organizarase a actividade de teares e tapices e obradoiros culturais e no de servizos sociais obradoiros de memoria e ximnasia de mantemento para a 3ª idade -por parroquias-. Por último, a oferta educativa contará con debuxo e pintura, informática, baile moderno, robótica, aprender a aprender, ciencia divertida, cociña divertida, percusión musical e corporal infantil, curso de Preparación de competencias clave e fun english.
As persoas interesadas poderán solicitar praza enchendo a solicitude de inscrición e presentándoa, preferiblemente, de xeito telemático a través do correo electrónico casadacultura@carral.es ou da sede electrónica. Así mesmo, poderán entregala na Casa da Cultura ou no Complexo Deportivo. O prazo para anotarse estará aberto ata o 27 de setembro ou ata que se esgoten as prazas dispoñibles.
Protocolo covid-19
Todas estas iniciativas realizaranse atendendo ás normativas covid-19 para reducir o risco de contaxio. Así, o número máximo de participantes por actividade será de dez máis o monitor ou monitora. O emprego da máscara e a desinfección de mans serán obrigatorias en cada sesión.