CARRAL CONMEMORARÁ O DÍA DO MEDIOAMBIENTE CUNHA RUTA POLOS MUÍÑOS DO BATÁN
Carral conmemorará o Día do Medioambiente cunha ruta de sendeirismo polos Muíños de Batán. A actividade, organizada polas asociacións Salvemos o Val de Barcia e o Monte Xalo e Brexa Custodia do Territorio en colaboración co Concello, terá lugar o vindeiro 2 de xuño.
Trátase dunha ruta de 3,45 quilómetros lineal, de dificultade media-baixa, que partirá desde A Costa da Égoa e rematará na Capela de San Pedro de Rubieiro, cunha duración aproximada de dúas horas e media.
As prazas son limitadas e as persoas interesadas deberán formalizar previamente a súa inscrición a través da ligazón habilitada para este fin ou escaneando o código QR do cartel.
As persoas participantes farán o percorrido equipadas con bolsas de lixo para poder recoller os desperdicios que estean tirados e, así, concienciar sobre a importancia de manter limpos os nosos montes.
Recomendacións para a ruta
Desde a organización recomendan levar roupa e calzado axeitado para a práctica deportiva. Ademais, tamén é recomendable levar bastón de sendeirismo e unha mochila co material preciso.
Desde a organización proporcionarán auga e froita para completar o percorrido.