CARRAL CONTINÚA COA TRADICIÓN E CELEBRARÁ ESTE XOVES A XLVI FESTA DA EMPANADA

Esta mañá celebrouse a presentación da XLVI Festa da Empanada, que terá lugar o xoves, 5 de setembro, e este ano dará o pistoletazo de saída ás festas do Socorro de Carral.
Esta festa continúa afianzándose como unha cita gastronómica de referencia, tanto na comarca como fóra desta, e así o destacou o alcalde de Carral, Javier Gestal, no acto de presentación celebrado na casa do concello.
Ademais do alcalde, que animou a todos os carraleses e carralesas “a unirse á celebración” tamén participaron na presentación a concelleira de Traballo, Mercedes Caridade, e os representantes das cinco panadarías que participarán na festa: Panadería Da Cunha, Panadería Cañás, Panadería Manuel Rodríguez, Panadería Pedro Fernández e Panadería Barcia.
Os panadeiros explicaron que esta é unha semana de “moito traballo” para eles pero que “merece a pena porque é moi bonito continuar a tradición”. Tamén destacaron que durante toda a xornada esperan despachar “máis de 12.000 racións de empanada”.
A Festa daa Empanada celebrarase este xoves 5 de setembro a partir das 18.30 horas e o prezo da ración estará unificado: as variedades de atún, bacallau e carne terán un prezo de 3 euros, mentres que as de polbo e zamburiñas serán de 4,5 euros a ración. O custo do resto de empanadas estará marcado por cada un dos obradoiros. Este prezo incluirá viño de forma gratuíta por cortesía das panaderías.

PresentaciónFestaDaEmpanada (3)
Ambientación musical
Boa comida, pero tamén boa música. Están previstas varias actuacións de música e baile a cargo das seguintes agrupacións: Banda de Gaitas Ferreñas de Vilarmaior, AFC Orballo (Pontedeume), Asociación Cultural ‘Pandereteiras Ardevento’ e Grupo Baile ‘O Rueiro’ de Tabeaio.