CARRAL DÁ O PISTOLETAZO DE SAÍDA Á 1ª QUENDA DOS CAMPAMENTOS DE VERÁN, QUE FAVORECERÁN A CONCILIACIÓN DE 136 FAMILIAS

Carral viviu, esta semana, o pistoletazo de saída da 1ª quenda dos seus campamentos de verán, cos que se favorecerá a conciliación de 136 familias do municipio ao longo das vindeiras semanas. A nova convocatoria arrincou o luns con dúas importantes novidades en materia de conciliación: por un lado, ampliando os horarios das actividades ata as 16.00 horas e, polo outro, brindándolles aos pais e nais a posibilidade de anotar aos nenos e nenas por semanas.

Os campamentos están dirixidos a nenos e nenas de 3 a 15 anos e levaranse a cabo en tres quendas con diferentes temáticas. Ata o 16 de xullo celebraranse os campamentos deportivos. Entre o 19 de xullo e o 6 de agosto levaranse a cabo os English Sport camp e, por último, os campamentos de Medio Ambiente terán lugar do 9 de agosto ao 3 de setembro.

A través de diferentes actividades de lecer, a rapazada coñecerá, nesta primeira quenda, a vida deportiva de Carral, así como as modalidades que practican os deportistas do municipio.

Co fin de axustar á organización da actividade ás medidas hixiénicas e preventivas fixadas pola Xunta de Galicia, o Concello está celebrando os campamentos no recinto do CEIP Vicente Otero Valcárcel (pavillón do colexio, pista polideportiva, patio cuberto, etc.) e no local interxeracional, sito a poucos metros do centro de ensinanza.

Os nenos e nenas poden entrar no recinto desde as 8.00 horas. Así, entre a hora de entrada e as 10.00 horas ten lugar o programa Madrugadores, entre as 10.00 e as 14.00 horas realízanse as propias actividades e, de 14.00 a 16.00 horas, é a hora da comida. Naqueles casos nos que se solicitou, os cativos e cativas poden traer o seu propio xantar da casa e poderán tomalo no comedor do colexio baixo a supervisión dos monitores e monitoras.

Medidas covid-19

Os rapaces e rapazas están separados en grupos burbulla. Antes de entrar no recinto, os usuarios e usuarias desinfectan as mans. Ademais, os maiores de 6 anos empregan a máscara de xeito obrigatorio. A maiores, o Concello establece quendas nas saídas e entradas dos campamentos co fin de evitar aglomeracións.