CARRAL DESPIDE A TEMPADA ESTIVAL CON MÚLTIPLES ACTIVIDADES

Carral clausura este venres, 30 de agosto, os cursos de natación impartidos ao longo deste mes nas piscinas municipais.

Neste día os nenos e nenas participantes poderán gozar dunha xornada lúdica, con diferentes xogos e actividades para o seu libre desfrute.

Un total de 61 nenos e nenas con idades comprendidas entre os 3 e os 13 anos participaron nas clases, que foron impartidas por monitores especialistas e sempre coa presencia dun socorrista.

As sesións, de 45 minutos de duración, dividíronse en tres grupos segundo a súa idade e, en cada un deles, establecéronse dous: un de iniciación e outro de perfeccionamento.

Este mesmo día tamén terá lugar a clausura dos campamentos de verán, iniciados o pasado 1 de xullo e no que participaron arredor de 110 nenos e nenas por semana.

Ao longo destes dous meses, a cativada gozou de múltiples actividades nas instalacións deportivas do colexio Vicente Otero Calcárcel, no local interxeracional, nas piscinas municipais, no complexo deportivo de Paleo e na área recreativa da Brexa.

Todas elas permitíronlle coñecer máis sobre as diferentes disciplinas deportivas da localidade, dos deportes tradicionais e outros vencellados á natureza, etc.

Festa da auga e xadrez para despedir o verán

O sábado, día 31, terá lugar a cuarta edición da Festa da Auga para clausurar, así, a tempada de piscina, que pecharán as súas portas o 8 de setembro.

Esta actividade, que será de acceso libre, desenvolverase de 16:00 a 20:00 horas, tempo no que as persoas participantes poderán gozar de inchábeis e dunha festa da escuma para pechar a xornada.

Durante este tempo, co obxectivo de atender a sobredemanda de xente nas piscinas, reforzarase o servizo de socorrismo. Ademais, estará presente o servizo municipal de emerxencias e a agrupación de voluntarios de Protección Civil.

De maneira paralela, no pavillón de Espiño levarase a cabo, entre as 16:00 e as 20:30 horas, a undécima edición do Torneo de Xadrez de Verán.

Agárdase a participación de, aproximadamente, 60 persoas de toda a xeografía galega. Estableceranse catro categorías: absoluta, sub14, sub10 e local. Recibirán trofeo os tres mellores de cada unha delas.

A competición, que contará con árbitro federativo, constará de sete roldas cun incremento de tres segundos.