CARRAL E A CIDADE FRANCESA DE ANNECY ESTREITAN VÍNCULOS A TRAVÉS DO SEU QUINTO PROGRAMA DE INTERCAMBIO
Carral practicou, durante toda a semana, o seu acento francés. Fíxoo a través do programa de intercambio no que están a participar un total de 28 alumnos e alumnas do IES de Carral e do David Buján (18 de Cambre e 10 de Carral) e os seus 28 homólogos do Collège Privè La Salle (Annecy, Francia).
O salón de plenos do Concello acolleu hoxe, 20 de febreiro, a recepción oficial dos estudantes que están a tomar parte nesta iniciativa. Ao acto acudiron varios membros do goberno local, así como profesorado dos tres centros educativos. Ao remate do acto, os mozos degustaron unha deliciosa maridaxe de pan de Carral e queixo francés.
Como parte do planning de actividades semanal, os mozos gozaron de xogos, roteiros de sendeirismo –como a que fixeron a Costa da Égoa- e excursións, como a saída a Santiago de Compostela. Unha das actividades que máis gustou aos franceses foi a visita a unha panadería de Carral. Durante a súa estancia no obradoiro, os mozos e mozas aprenderon a elaborar pan de Carral. En marzo, serán os de Carral e Cambre os que se despracen ata Annecy para completar a experiencia.