CARRAL ENCARA A XLVIII FESTA DA EMPANADA COA VISTA POSTA EN VENDER MÁIS DE 12.000 RACIÓNS
Carral volverá presumir dun dos seus produtos máis afamados, a empanada. O Concello encara a XLVIII edición da súa Festa da Empanada coa vista posta en superar a cifra de vendas de 2022, cando se despacharon 12.000 racións desta elaboración. Así o confirmou o alcalde, Javier Gestal, e os representantes dos obradoiros participantes este ano: Panadería Mercedes, Panadería Pedro Fernández, Panadería Cañás e Panadería Da Cunha.
O evento gastronómico celebrarase o xoves, 7 de setembro, e incluirá venda e degustación deste produto, actuacións musicais e un sorteo de agasallos.
Durante a presentación do evento, o rexedor sinalou que esta cita “ten un gran arraigo, non só no municipio, senón que tamén se presenta como un evento gastronómico de referencia na comarca”. Ademais, o alcalde destacou que a celebración non podería levarse a cabo “sen o enorme esforzo que realizan as panadarías, que teñen que dobrar o traballo para chegar ás cifras de venda”.
Nesta edición, a ración de empanada custará 5 euros. No caso das variedades de polbo e zamburiñas, o prezo será de 7 euros. O prezo incluirá viño por cortesía dos obradoiros. As panaderías terán tamén á venda elaboracións doces.
Ambientación musical
Boa comida, pero tamén boa música. Están previstas varias actuacións de música e baile a cargo das seguintes agrupacións: Grupo de Baile O Rueiro de Tabeaio, do Grupo Folclórico Faiscas da Pontraga e do Grupo de Música Tradicional Arnela. A festa seguirá en Carral da man das festas do Socorro. En concreto, a noite do 7 de setembro están previstas as actuacións das orquestras Os Satélites e París de Noia.