CARRAL PREPARA O SEU XIII DÍA DO PATÍN

Dentro da programación deportiva municipal, o domingo 11 de decembro, o Concello de Carral e o club de patinaxe Alquimia, organizan o “XIII Día do Patín” no Complexo Cultural e Deportivo de Paleo. Este evento naceu hai xa 13 anos coa finalidade de fomentar unha práctica activa e saudable a través dunha disciplina deportiva que tantos “adictos” reúne en Carral.

Ao evento acudirán clubs, escolas, patinadores e afeccionados de toda a comarca, Culleredo, Arteixo, Laracha, A Coruña, Cambre, etc., e por suposto, Carral. Con 68 patinadores prerexistrados, esta actividade aumenta o seu número de participantes ano tras ano. Para aqueles que non teña os seus propios patíns, desde a organización prestaránselles uns para que todo o mundo poida probar e gozar desta xornada festiva.

A actividade comezará sobre das 16.00 da tarde e prolongarase ata as 19.00 h. Durante a xornada levaranse a cabo actividades lúdico-formativas, como a decoración, mantemento e pintado de patíns e camisetas, proxección de campionatos da especialidade e documentais técnicos, clases de iniciación para aqueles novatos que nunca se puxeron uns patíns, xogos para os máis pequenos, elaboración de coreografías, etc.

Nesta edición tamén presentamos novas actividades como clases de iniciación ao Skateboard, Roller-fítness, etc., coa intención de achegar aos asistentes a gran variedade de actividades e rápida evolución que caracterizan este deporte.

A inscrición é totalmente gratuíta tanto para os clubs e escolas como para os patinadores individuais que se acheguen polo lugar.

Para máis información ou inscribirse, os interesados poden dirixirse á Casa da Cultura de Carral, no teléfono 981 67 25 80 ou no mail deportes@carral.es.