CARRAL PREPÁRASE PARA UNHA FIN DE SEMANA MOI PERSOAL CO CICLO ‘MÚSICAS ÍNTIMAS’

A Concellaría de Cultura do Concello de Carral organiza para esta fin de semana o ciclo ‘Música Íntimas’, un proxecto que se levará a cabo no Edificio Social Toñito Espiñeira e que se enmarca na Rede Cultural da Deputación da Coruña e en ‘Cultura no Camiño’ de AGADIC.

En total celebraranse dúas actuacións. A primeira delas é ‘Degustación musical’, un espectáculo de Bellón Maceiras Dúo integrado por Dani Bellón e Diego Maceiras. Os artistas explorarán os timbres e posibilidades dos instrumentos de varios lugares do mundo como Galicia, Bangladesh, Xapón ou América do Sur.

Así, o público viaxará por unha ruta de composicións propias, novos arranxos para pezas tradicionais ou tamén algúns dos seus clásicos dentro dos seus 17 anos de historia.

O domingo será a quenda de Uxía e Germán Díaz que, nesta ocasión, contarán coa colaboración do guitarrista Sergio Tannus para ofrecer un show que pretende mostrar a beleza da tradición musical dos diferentes percorridos que forman o Camiño de Santiago.

Ambas as funcións serán ás 21:00 horas. A entrada é de balde ata completar aforo.