CARRAL PRESENTA ALEGACIÓNS AO PLAN DE TRANSPORTE PÚBLICO

O novo goberno local de Carral considera que, en canto á mobilidade, neste concello se parte practicamente de cero. Por iso, elaborou un completo estudo da situación actual no que se inclúen unha serie de alegacións ao Plan de Transporte Público da Xunta.
Os obxectivos principais que o Concello de Carral persegue con estas achegas son que ningunha parroquia quede sen conexións, achegar os centros educativos de FP e Bacharelato que se atopan noutros municipios xa que Carral carece desa oferta educativa, mellorar a conexión cos hospitais e tamén co municipio veciño de Cambre xa que alí atópase o PAC de referencia.
Estas son as alegacións que o equipo de goberno de Carral presentou ao anteproxecto da Xunta:

  • Aumentar as liñas e as frecuencias cos hospitais. Só existe unha liña que une Carral cos centros sanitarios da Coruña e unicamente ten unha viaxe de ida, con saída ás 6:55 horas, e outra de volta, con saída ás 13:30 horas, polo cal se piden máis frecuencias e que se amplíen ás fins de semana.
  • Ampliar o trazado da liña 13 (IES Maruxa Mallo – Mesón Roteiro) para favorecer aos núcleos de poboación da zona sur de Carral e que estean conectados con Ordes, unha zona coa que teñen moita relación e actualmente non contan con ningunha conexión de transporte regular.
  • Ampliar a liña que vai a Betanzos para que dea servizo á maior parte dos núcleos, e non deixar fóra a Tabeaio, segundo núcleo con maior poboación de Carral e que actualmente non conta con esta conexión.
  • Ampliación de frecuencias e cambios horarios para que, como sucede actualmente, non coincidan na mesma hora tres liñas distintas no mesmo punto.
  • Aumentar as frecuencias da roteiros que se dirixen pola Rocha, Vos Campóns (dando acceso ao IES de Cambre) e O Burgo e os hospitais e aumentar o trazado para que dea servizo a todas as parroquias
  • Incluír a Tabeaio no roteiro que propón a Xunta para chegar ao IES de Cambre e que fai un percorrido circular por Santa María de Vigo e Brexo Lema, e mesmo por Cecebre. Desde o Concello de Carral proponse ademais que para Tabeaio este roteiro vaia directa por Os Campóns.
  • Que a liña de Santa María de Vigo teña outra saída desde Casa Couto para dar tamén servizo á zona de abaixo de San Vicente de Vigo, isto é Taramuño e Balbén.
  • Que se inclúa unha parada no Polígono dos Capelos. No anteproxecto non se contempla e é totalmente necesaria para o transporte diario dos traballadores.

Doutra banda, nas súas alegacións o goberno local tamén incluíu unha proposta para a creación de tres liñas circulares e transversais para favorecer a conexión dos diferentes núcleos e parroquias co centro de Carral e co resto de liñas comarcais.

  1. Liña circular Carral Norte: conectaría os núcleos do norte do municipio (Lodeiro, O Piñeiro, Gosende, Sergude e Cabrois) co centro urbano, son lugares e parroquias que no 80% dos casos non contan cun servizo regular agora mesmo, por iso se solicitan.
  2. Liña transversal Centro (Monte Xalo – Carral): esta liña non só conectaría o Xalo directamente co Concello de Carral senón que tamén o faría con outros núcleos que fan gran parte da súa vida en Carral, como son Sarandóns, Ardexurxo, Figueroa e Montouto.
  3. Liña circular Carral Sur: dará servizo aos núcleos e parroquias da zona sur, que actualmente non teñen ningún tipo de liña regular (A Cabra, Lale, As Travesas, Argonte e A Mella) e tamén aos núcleos de Bordel e Ardexurxo (Abegondo).

Consulta o documento completo das alegacións na seguinte ligazón:

ALEGACIONES_ PROXECTOS_TRANSPORTE_REGULAR_VIAXEIROS_CARRAL_230819_def (1)