CARRAL PROCEDERÁ Á APERTURA DOS LOCAIS SOCIOCULTURAIS A PARTIR DESTA FIN DE SEMANA
Os locais socioculturais de Ans, Cañás, Sergude, San Vicente de Vigo, Quembre, Barcia, Herves, O Canedo e A Cabra volverán abrir as súas portas a partir desta fin de semana. O Concello adopta esta medida ante a mellora da situación epidemiolóxica da covid-19 na comunidade, permitindo que estas instalacións acollan, novamente, reunións e asembleas, charlas, concertos musicais, proxeccións audiovisuais, clases e actividades formativas e propostas de lecer.
En todo caso, o emprego destas instalacións estará supeditado ao cumprimento dun protocolo covid-19. Entre as medidas, o Concello fixa o aforo máximo permitido nestas dependencias a 30 persoas –agás en Cañás, onde o número máximo será 18-, así como a hora de peche, marcada para as 23.00 horas. O documento sinala, ademais, o uso obrigatorio da máscara, así como a necesidade de que as persoas participantes en calquera actividade permanezan sentadas durante a mesma.
As persoas responsables das iniciativas que se leven a cabo nestes locais deberán ter dispoñibles recursos para a limpeza de mans e para a desinfección do equipamento empregado, terán que rexistrar o nome e o teléfono das persoas asistentes e garantir, ademais, a distancia de seguridade indicada polas autoridades sanitarias, así como as directrices para ventilar o local e evitar as aglomeracións.
A reserva de locais poderase realizar cumprimentando o modelo de solicitude. Este documento pódese pedir a través do correo casacultura@carral.es e do teléfono 981 67 25 80. A reserva deberase facer nun prazo mínimo de 7 días naturais de antelación.
Actualización do protocolo en instalacións deportivas
O Concello actualizou o protocolo covid-19 das instalacións deportivas á última orde do Diario Oficial de Galicia do 22 de outubro. A flexibilización destas medidas supuxo a apertura dos vestiarios nas diferentes dependencias.
Este documento reflicte, por unha banda, medidas xerais que afectan a todas as dependencias deportivas e, pola outra, normativas e indicacións específicas para cada espazo. Entre elas, regúlase o acceso e estancia en cada dependencia, medidas de desinfección e limpeza, aforos permitidos, uso de vestiarios, etc.
Indicacións para a apertura de centros sociais de Carral
Decreto de aprobación do protocolo Covid-19 para as instalacións deportivas e culturais