CARRAL REABRE ESTE VENRES O XIMNASIO E A PISCINA DO COMPLEXO DEPORTIVO MUNICIPAL
O ximnasio e a piscina do Complexo Deportivo Municipal volverán funcionar esta mesma semana. En concreto, a apertura destas dependencias será o venres ás 12.00 horas. Non obstante, co fin de garantir a seguridade de todos os usuarios e usuarias e a do persoal traballador, o goberno local elaborou un protocolo co que se rexerán ambas instalacións. Como indican desde o equipo de goberno, “agora mesmo a saúde dos veciños e veciñas é a nosa máxima prioridade. Por iso elaboramos un documento con directrices e medidas que sirvan para reducir o risco de contaxio por COVID-19”.
Por unha banda, o ximnasio estará dispoñible para o emprego de máquinas. Así, non estará aberta a zona de spa e tampouco se levarán a cabo as actividades dirixidas habituais. Para garantir a distancia interpersoal de seguridade, o Concello separou as máquinas, empregando para iso a aula dedicada ás actividades. Adicionalmente, o persoal da instalación levará a cabo a limpeza das máquinas despois de cada uso. As persoas interesadas en acudir a estas dependencias non terán que solicitar cita previa. En canto ao horario, o ximnasio abrirá de luns a venres de 9.00 a 15.00 e de 16.00 a 22.00 horas e os sábados de 10.00 a 13.00 horas.
Pola outra, a piscina abre as súas portas de luns a domingo de 12.00 a 21.00 horas. O aforo máximo do recinto será de 75 persoas, mentres que na auga tan só poderán estar 45 persoas de xeito simultáneo. A piscina infantil permitirá pechada porque, atendendo ás indicacións dos organismos sanitarios, o aforo máximo permitido sería dun neno ou nena. O peche desta área permitirá garantir as distancias de seguridade fixadas polas autoridades. Así mesmo, e co fin de cumprir co distanciamento social, o Concello habilitou parcelas independentes de 2,5 metros por 2,5 metros –de uso individual ou por unidade familiar- na instalación. Polo de agora, non se establece un tempo máximo para permanecer na auga. Non será necesario solicitar cita previa e cobrarase a entrada a través de tarxeta.
Segundo explican desde o goberno, estas medidas poderán “sufrir cambios en función das recomendacións e directrices marcadas polos organismos sanitarios”.