CARRAL REMEMORA A SÚA HISTORIA NO 175 ANIVERSARIO DOS MÁRTIRES COA LECTURA DUN POEMA E CUNHA OFRENDA FLORAL
Carral rememorou hoxe a súa historia. O municipio acolleu un acto en conmemoración do 175 aniversario dos Mártires. O evento, organizado polo Concello xunto coa Asociación Cultural e Teatral Abril de Lume e Ferro, incluíu a lectura colectiva dun poema e unha ofrenda floral no monumento.
A homenaxe comezou na Casa do Concello e desde alí, a comitiva partiu en dirección á praza da Capela. Alí, varios alumnos e alumnas dos centros de ensinanza do municipio recitaron o poema de Manuel María “É xa tempo de erguer a liberdade”. A continuación, tivo lugar a tradicional ofrenda floral diante do panteón.
O acto levouse a cabo seguindo as restricións sanitarias actuais pola covid-19. Así, as persoas asistentes portaron a máscara en todo momento e mantiveron a distancia de seguridade para reducir o risco de contaxio.
Durante a súa intervención, o alcalde de Carral, Javier Gestal, referiuse aos feitos acaecidos hai 175 anos como “algo que nunca debeu ocorrer”. O rexedor lembrou, así mesmo, a Xosé Ramón Barreiro, recentemente finado: “foi quen mellor investigou e divulgou o acontecido naquela Revolución de 1846 e que rematou aquí en Carral co fusilamento de 12 oficiais liderados por Miguel Solís”.