CARRAL REPARTIRÁ 2.000 EUROS EN PREMIOS DURANTE A SÚA CAMPAÑA DE COMERCIO DE NADAL
Outro ano máis, Carral celebrará a súa campaña de turismo, a XXX edición, co obxectivo de seguir traballando no impulso de medidas que promovan a actividade turística e comercial durante o Nadal.
Así, ademais do concurso Tapeando Carral, celebrado recentemente, o Concello porá en marcha unha nova edición da súa campaña Volve a Carral no Nadal, na que se repartirán 2.000 euros en premios ás persoas que fagan as súas compras nos negocios adheridos.
A iniciativa estará en funcionamento durante un mes, entre o 12 de decembro e o 12 de xaneiro de 2025. Durante eses días, as persoas que realicen as súas compras nos comercios adheridos poderán optar a premios de entre 100 e 300 euros. En total, o Concello repartirá 25.000 rascas entre os que se atoparán dous galardóns de 300 euros, catro de 200 e seis de 100.
O funcionamento da iniciativa é sinxelo: as persoas que fagan o consumo mínimo recibirán un rasca. No caso de resultar agraciada, a persoa deberá entregar o boleto premiado no Concello, xunto co ticket de compra, ata o 30 de xaneiro. A cambio, expediráselle un cheque coa contía correspondente.