CARRAL VOLVERÁ REIVINDICARSE COMO CAPITAL DA EMPANADA COA FESTA EN HONOR A ESTE PRODUTO

Carral reivindicouse, unha vez máis, como capital da empanada. Trátase, xunto co pan, dun dos produtos estrela do municipio. Tal é a súa importancia, que esta é a protagonista dunha das citas gastronómicas de Carral desde hai xa case cincuenta anos. O Concello deu hoxe o pistoletazo de saída da corenta e nove Festa da Empanada. No acto estiveron presentes o alcalde, Javier Gestal, os concelleiros e concelleiras do equipo de goberno, e representantes das panadarías participantes na edición: Panadería Mercedes, Panadería Pedro Fernández, Panadería Cañás e Panadería Da Cunha.  

O evento gastronómico, un dos de maior tradición na comarca, terá lugar este xoves, 5 de setembro, a partir das 17:30 horas, e incluirá a venda e degustación deste produto e actuacións musicais.

Durante a presentación da cita, o rexedor sinalou que este evento “ten un gran arraigo, non só no municipio, senón que tamén se presenta como un evento gastronómico de referencia na comarca”. Gestal subliñou que a celebración non podería realizarse “sen o esforzo que realizan as panadarías, que teñen que dobrar o traballo para chegar ás cifras de venda”.

Nesta edición, as racións de empanada de bonito, bacallau e polo terán un prezo de 5 euros. No caso das variedades de zamburiñas, polbo e bacallau con pasas o prezo será de 7 euros. 

Ambientación musical

A cita gastronómica ofrecerá boa comida, pero tamén boa música. Así, están previstas varias actuacións de música e baile a cargo das seguintes agrupacións: grupo de música tradicional ‘Arnela’ e ‘Embruxo Gaiteiros’.

A música continuará á noite, a partir das 22:00 horas, da man das orquestras París de Noia e Zona Zero nas Festas do Socorro de Carral.