O Concello de Carral sacou a licitación actuacións de mellora en viarias das parroquias de Cañás, Tabeaio, San Vicente de Vigo, Beira, Santiago de Sumio e no núcleo urbano por un importe total de 448.224 euros.
Os viarios incluídos neste proxecto presentan unhas condicións deficientes para a circulación de vehículos e peóns. Os traballos de asfaltado levaranse a cabo nas estradas dos lugares de Sobrepiñeiro ( Tabeaio), Fornos (Beira), A Cabra (Santiago de Sumio), A Bailía ( Cañás), Tarroeira de Sumio (Santiago de Sumio), Lavandeira ( Cañás), As Táboas (San Vicente de Vigo), así como nas rúas do Pan e Alcalde Xavier Alvajar, e estarán financiados pola Deputación da Coruña.
En todos estes puntos das cinco parroquias, as actuacións basearanse, fundamentalmente, na pavimentación, perfilado de cunetas e o pintado da sinalización horizontal nos camiños para facelos así máis seguros para o tránsito de coches.
Melloras no centro do municipio
Na rúa do Pan, os traballos consistirán na humanización do espazo, dándolle unha maior preferencia ao peón e garantindo así mesmo, unhas mellores condicións de seguridade para os viandantes. Doutra banda, na rúa Alcalde Francisco Xavier Alvajar acondicionaranse as beirarrúas para facilitar o paso das persoas con mobilidade reducida.
Camiños de San Vicente e Tabeaio
Doutra banda, a través dunha subvención da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), melloraranse varios camiños das parroquias de Tabeaio e San Vicente. Así, en San Vicente proxéctase unha actuación sobre a estrada que conduce do lugar de Abrigosa ao lugar de Balbén, onde se estenderá unha capa de mestura bituminosa sobre o firme e limparanse as cunetas. Pola súa banda, en Tabeaio, os traballos consistirán na ampliación da anchura do viario e na formación de cunetas na estrada que une Esperón e Cambela. Tal e como indica o alcalde de Carral, José Luis Fernández Mouriño, todas estas obras responden as peticións dos veciños, e servirán para “mellorar a seguridade viaria en varias parroquias do municipio”.