CONCELLO E DEPUTACIÓN AUNARON ESFORZOS PARA MELLORAR A SEGURIDADE VIARIA NAS PARROQUIAS DE PALEO, QUEMBRE, BARCIA E CAÑÁS
A mellora da seguridade viaria no núcleo urbano e nas parroquias é unha das máximas prioridades do goberno local. Proba diso son as actuacións que o Concello de Carral e a Deputación da Coruña acaban de finiquitar en varios puntos do termo municipal. Este plan, financiado con fondos municipais e provinciais, supuxo a ampliación do ancho de vía en estradas das parroquias de Paleo, Quembre, Barcia e Cañás.
Tal e como explican desde o goberno local, “o obxectivo é seguir traballando para mellorar a rede de estradas e camiños non termo municipal, garantindo unha maior seguridade para os vehículos e tamén para vos veciños e veciñas que transitan por estas vías”. As actuacións xa rematadas supuxeron a creación de cunetas de seguridade nalgunhas das estradas destas parroquias. Estas intervencións serviron para ampliar o ancho da calzada, favorecendo a circulación dos coches e tamén a dos viandantes.
En concreto, estas obras realizáronse na DP-2104 –en San Pedro de Quembre e no lugar de Pousada en Barcia-; na DP-2105 á altura de Cabrois (Paleo) e, por último, no lugar de Soavila (parroquia de Santa Baía de Cañás). En total, sumando as actuacións nestes catro puntos, construíronse máis de 2 km de cunetas de seguridade.
Con todo, o executivo iniciará, de forma inminente, outras intervencións na estrada que une Cañás con Sergude e na vía que conecta Balbén con San Vicente de Vigo, onde se replicarán estes traballos.