O ALCALDE CELEBRA QUE A CORPORACIÓN “ENTRARA EN RAZÓN” E APROBASE DESTINAR A MAIORÍA DO POS+ADICIONAL A GASTO CORRENTE

O alcalde, Javier Gestal, celebra que a corporación “entrara en razón” e aprobase destinar a maioría do POS+Adicional a gasto corrente. Seguindo as recomendacións da Intervención municipal, o goberno local propuxo, no pleno extraordinario de hoxe, dedicar a totalidade dos fondos provinciais (118.025,18 euros) a gasto corrente. Con todo, o PSOE presentou unha emenda que, finalmente, se aprobou co voto favorable de Alternativa dos Veciños e coa abstención do PP. Da cifra total, a emenda expuña usar o 59,07% a gasto corrente (69.727,14 euros), mentres que o 40,93% restante (48.298,25 euros) se investiría na renovación da rede municipal de iluminación con tecnoloxía LED na CP-2013 en Sergude.

Gestal celebra que a corporación “fixese caso, aínda que de xeito parcial, ás recomendacións do departamento de Intervención e do requirimento da Deputación dá Coruña, no que nos concedían dez días para aprobar a proposta en pleno”. O alcalde sinala que “o ideal sería ter seguido ao 100% as recomendacións do departamento e dedicar os fondos provinciais a gasto corrente pero, pola nosa parte, o que non podiamos nin queriamos era perder esta contía”.

O rexedor lamentou, iso si, “o desinterese e a actitiude inmobilista do PP, algo que deixou claro coa súa abstención. Cremos que o sentido do seu voto pon de manifesto que non ten interese na execución do saneamento de San Vicente de Vigo nin no proxecto de Sergude”. En canto ao primeiro dos proxectos, a execución da 2ª fase para dotar de saneamento a San Vicente de Vigo, Gestal sinalou que a intención “é incorporar estas obras no seguinte POS da Deputación, xa que para nós estas actuacións son unha prioridade”.

Como o rexedor explicara no seu momento, a aprobación deste punto era “esencial para facer fronte aos gastos de funcionamento dos servizos de subministración de auga potable, da rede de sumidoiros, limpeza viaria, recollida domiciliaria de lixo, iluminación pública, mantemento dos accesos aos núcleos de poboación e aqueles vinculados ao funcionamento dos servizos obrigatorios do Concello. Sería máis doado dedicar esta cantidade á execución de novas obras, pero temos que ser conscientes e consecuentes coa situación que estamos a vivir”.