O CONCELLO ACEPTA A SUBVENCIÓN DO IDAE PARA REFORZAR A SEGURIDADE PEONIL NO NÚCLEO URBANO DE CARRAL

O núcleo urbano de Carral experimentará unha reurbanización completa. Todo grazas ao proxecto que o Concello executará no centro -no tramo que discorre pola N-550- e que supoñerá unha importante mellora para a seguridade e mobilidade peonil e un estímulo para o consumo no comercio e a hostalería da zona. O alcalde de Carral, Javier Gestal, acaba de aceptar a subvención por parte do Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía – IDAE- co que se sufragarán estas intervencións.

O plan de reurbanización incluirá a ampliación das beirarrúas, a renovación da iluminación pública, a mellora dos pasos de peóns e a reordenación das zonas de estacionamento no centro de Carral.

O proxecto executarase cun orzamento de 1.416.983,53 euros. Ao tratarse dunha subvención do IDAE, o Concello tería que asumir 283.396,71 euros. Segundo a reunión mantida entre o rexedor e o concelleiro de Urbanismo co presidente da Deputación da Coruña, o organismo provincial comprometeríase a achegar a parte do Concello. Desde o goberno local informan de que están a contactar cos bancos para conseguir o financiamento necesario para facer fronte a este proxecto dada a situación económica do Concello.