O CONCELLO ANUNCIA A SÚA OFERTA CULTURAL E DEPORTIVA DE VERÁN, CON PRETO DE 30 ACTIVIDADES PARA TODOS OS PÚBLICOS

O Concello de Carral prepárase para un verán cheo de actividades culturais, deportivas e xuvenís para todos os públicos. A oferta conta con preto de 30 propostas que se levarán a cabo ao longo dos meses de xuño, xullo e agosto. O edil das áreas de Cultura, Deportes e Xuventude, Francisco Bello, sinala que o obxectivo do programa “é seguir apostando pola promoción da cultura e o deporte, ofrecendo alternativas de lecer para todos os públicos”.

O deporte terá un gran peso dentro do calendario estival da man das seguintes iniciativas: os campus de fútbol e balonmán da U.D. Carral (do 27 de xuño ao 1 de xullo e do 4 ao 8 de xullo, respectivamente), do XVIII Torneo de Tiro Olímpico (9 de xullo e 13 de agosto), do Torneo de Pádel x Parellas (do 11 de xullo ao 24 de setembro), do campus de ximnasia rítmica (do 27 de xuño ao 1 de xullo), dos cursos de natación, do Torneo de Fútbol Sala 4×4 (13 e 14 de xullo), dos cursos de ioga (do 8 de agosto ao 2 de setembro), da celebración da I Copa Galicia XCM Carral V Ruta BTT Carral (21 de agosto), da ruta a cabalo do 20 de agosto e do X Torneo de Xadrez de Verán (27 de agosto).

A través da OMIX, está prevista a realización de varias excursión: a primeira, ao Aquapark de Cerceda (29 de junio), a segunda ao Galipark (20 de xullo) e unha última ao Mar-Eando (9-10 e 11 de agosto).

A programación de verán suporá tamén a volta do programa “Culturúa”, con proxeccións de filmes ao aire libre, espectáculos na rúa e música. A iniciativa arrincará o 15 de xullo, ás 18.00 horas, no Campo da Feira co espectáculo ‘Só’ e continuará o 22 de xullo coa proxección de Cuñados (Campo da Feira, ás 22.30 horas). O 30 de agosto (Campo da Feira, 18.00 horas) será a quenda do espectáculo Rockeando con Ramona Órbita, a dona do tempo e o día 1 (Campo da Feira, ás 22.00 horas) levarase a cabo a proxección de A Galiña Turuleca. As dúas últimas accións chegarán da man do ciclo de Músicas Íntimas, con concertos a cargo de O Camaleón musical-Volando libre (3 de setembro, ás 22.00 horas) e de Iria Mejuto, do grupo Black (4 de setembro, ás 22.00 horas). En ambos casos, as actuacións musicais serán na piscina municipal de Carral.

Actividades de conciliación

Ao longo de toda a época estival levaranse a cabo tamén os campamentos urbanos de verán en diferentes quendas: primeiro irán os campamentos deportivos (27 de xuño ao 15 de xullo), a continuación os English sport camp (18 de xullo ao 5 de agosto) e, por último, os campamentos sobre Medio Ambiente (do 8 de agosto ao 2 de setembro).

Festa do Verán en Familia

A II Festa do Verán en Familia forma parte tamén do calendario de verán. Será o 9 de xullo na área recreativa da Brexa e, ao longo do día, haberá xogos e inchables para os nenos e nenas, xantar e actuacións musicais. A inscrición pode realizarse ata o 6 de xullo no teléfono 674 793 475.