O CONCELLO INICIA A EXECUCIÓN DO SANEAMENTO NOS LUGARES DE BALBÉN, AMEÁS E A RAMALLEIRA, NA PARROQUIA DE SAN VICENTE DE VIGO

O Concello de Carral iniciou a execución do saneamento nos lugares de Balbén, Ameás e A Ramalleira, na parroquia de San Vicente de Vigo. Estas actuacións, englobadas dentro dunha primeira fase, están a realizarse con cargo ao POS+ adicional 2019 da Deputación da Coruña.

O proxecto do Concello servirá para instalar preto de 2.000 metros lineais de colector, dotando aos lugares de Balbén, Ameás e A Ramalleira deste servizo. A intención do goberno local é deixar todo preparado para arrincar a segunda fase, que abarcará outros lugares da parroquia.

O alcalde de Carral, Javier Gestal, supervisou o inicio das obras e informou as persoas residentes sobre as mesmas, así como sobre o procedemento que se seguirá para as conexións á rede.

Co inicio destas obras, o equipo de goberno dá un primeiro paso para cumprir unha vella demanda dos veciños e veciñas da parroquia. Así, a pesar de que nesta parroquia está situada a depuradora do municipio, San Vicente de Vigo non dispón deste servizo.