O CONCELLO REAFIRMA A SÚA APOSTA POLA CULTURA SEGURA E ARRINCARÁ MAÑÁ O SEU CICLO DE TEATRO DE OUTONO
O Concello de Carral mantén a súa aposta pola cultura segura. Así se reafirmou hoxe, venres 16 de outubro, coa presentación oficial do Ciclo de Teatro de Outono. A iniciativa arrincará, sábado día 17 de outubro, e prolongarase ata o mes de decembro, ofrecendo un total de oito funcións teatrais.
Ao acto de presentación acudiron o alcalde de Carral, Javier Gestal, o concelleiro de Cultura, Francisco Bello, o deputado de Cultura da Deputación da Coruña, Xurxo Couto Rodríguez, e varios membros do goberno local. Así mesmo, o evento contou coa presenza de representantes dalgunhas das compañías que participarán neste ciclo: Pérez&Fernández, Producións Teatrais Excéntricas, Teatro da Ramboia, Talía Teatro e Malasombra Producións.
Durante a súa intervención, o rexedor agradeceu a colaboración da Deputación da Coruña a través da súa Rede Cultural, e aproveitou para reafirmar o compromiso do Concello co desenvolvemento de actividades culturais. Pola súa parte, os membros das compañías teatrais agradeceron ao Concello a súa aposta por este sector, un dos máis afectados pola pandemia da COVID-19.
Un programa para todos os públicos
Todos os espectáculos do ciclo levaranse a cabo no local Xente Nova de Tabeaio ás 20.30 horas, e realizaranse atendendo a un estrito protocolo para evitar contaxios pola COVID-19.
O primeiro terá lugar mañá, sábado 17 de outubro. Será entón cando a compañía Talía Teatro aterre con Vida de cans. Trátase dunha comedia paródica e metafórica na que os actores se converten en tres cans. Durante a función, os animais terán que afrontar un conflito diferente en función da súa personalidade.
Malasombra Producións tomará o relevo con Bernarda o sábado, 24 de outubro. A función está protagonizada por Bernarda, unha muller dura e loitadora cuxa personalidade se forxou a raíz da súa infancia na posguerra. Ao morrer o seu marido, a muller ten que asumir o papel de pai e de nai, educando ás súas fillas o mellor que sabe.
O meu mundo non é deste reino, de Teatro da Ramboia, será a vindeira proposta do Ciclo de Teatro de Outono de Carral -31 de outubro-. Neste caso, trátase dunha adaptación da Farsa de Bululú de Manuel María na que se presenta unha parodia da ditadura franquista.
O ciclo continuará o 14 de novembro coa interpretación de Halsel, da compañía cullerdense O Ruiseñor. A historia preséntase como unha metáfora ambientada no inicio da Guerra Civil española na que se combina a beleza e a dureza, converténdoa nunha función única.
O Ciclo de Teatro de Outono contará, o 21 de novembro, coa interpretación de Os nenos da variola, de Pérez & Fernández. A obra está baseada na Real Expedición Filantrópica da Vacina que partiu desde o porto da Coruña o 30 de novembro de 1803. Ese día, 22 orfos e orfas conformaron unha cadea humana “brazo a brazo” para facer chegar a vacina aos territorios de ultramar.
Culturactiva Producións chegará ao municipio co seu espectáculo cómico Senior, no que os actores Luis Iglesia e Marcos Orsi explicarán ao público como é a crise dos 50. Unha reflexión en clave de humor sobre a chegada ás portas da terceira idade.
Decembro contará coa representación de Lolo e mamá, por parte De Ste Xeito Producións. Trátase dunha danza teatral na que o público descubrirá, a través do humor, que as cousas case nunca son o que semellan.
O Ciclo cerrarase con Cartoons, unha proposta de Producións Teatrais Excéntricas. A función narra a historia de persoas que o perderon todo e que teñen que aprender a facelo de novo. Todo parece un drama, peor en realidade non o é.
Os aforos de todas as funcións son limitados, polo que as persoas interesadas deberán reservar os seus convites chamando ao teléfono 981 67 25 80.