O CONCELLO VESE OBRIGADO A AUMENTAR A PARTIDA ORZAMENTARIA DO SERVIZO DE AXUDA NO FOGAR PARA GARANTIR A SÚA CORRECTA PRESTACIÓN

O novo equipo de goberno tivo que aumentar a partida orzamentaria do Servizo de Axuda non Fogar (SAF) co fin de garantir a calidade desta prestación aos usuarios. No último pleno, que se celebrou a semana pasada, aprobouse un modificativo de crédito para atrasar as partidas de compra de terreos, adquisición de equipamentos e saídas, e poder así atender ás persoas maiores do municipio nas súas necesidades básicas. Con esta medida, garántense, non só as condicións do convenio das traballadoras, senón tamén a correcta atención ás persoas maiores do municipio, unha máxima para o goberno local.

O goberno denuncia a “situación insustentable” na que este servizo se atopaba á súa entrada no Concello. Así, existían tres empresas paralelas encargadas desta prestación, algunhas en condicións irregulares para as traballadoras -ás que non se lles cumprían as garantías do seu convenio-. Con todo, os grandes prexudicados eran as persoas usuarias, que en moitos casos levaban días sen ser atendidos.

Para solucionar esta situación, o goberno local realizou un minucioso estudo de mercado, solicitando varios orzamentos. A continuación, procedeuse á contratación dunha empresa ponte que cumprise os dereitos de subrogación de todas as traballadoras, axustando un prezo que garantise a posibilidade de realizar este servizo. O Concello esixiu que todas as traballadoras tivesen a formación e os medios necesarios para o bo desenvolvemento do servizo.

Actualmente, o equipo de goberno está a traballar xa na redacción dos pregos para a contratación deste servizo.