O GOBERNO LOCAL AMOSA A SÚA PREOCUPACIÓN POLOS PRAZOS DE FINALIZACIÓN DAS OBRAS DO CEIP VICENTE OTERO VALCÁRCEL

FOTO CARRAL-El gobierno local muestra su preocupación por los plazos de finalización de las obras del CEIP Vicente Otero Valcárcel

O Concello de Carral amosou hoxe a súa preocupación polo atraso nos prazos de finalización das obras de mellora de eficiencia enerxética que a Xunta de Galicia está a levar a cabo no CEIP Vicente Otero Valcárcel.

O goberno local levou a cabo un seguimento exhaustivo das obras e, vendo a evolución das mesmas, estimou conveniente emprender todas as accións que estean na súa man co obxectivo de evitar demoras no inicio do curso escolar.

En primeiro lugar, o grupo de goberno púxose en contacto coa empresa adxudicataria da obra, a cal informa que están a poñer todos os medios dispoñibles para axilizar as obras.

En segundo lugar tamén se mantiveron contactos coa Dirección do Centro e esta considerou oportuno remitir á Xunta un escrito sobre o estado actual das obras, alertando sobre o posible atraso no inicio do curso escolar.

Por último, e na mesmo sentido, o alcalde de Carral, Javier Gestal, en representación do grupo de goberno, remitiu unha comunicación ao ente autonómico esixindo “axilidade” nas obras para que “de ningún modo” exista atraso no inicio do curso e tamén se puxo en contacto co ANPA do centro para informarlles de primeira man sobre a situación e as posibles consecuencias do atraso nas obras.