O GOBERNO LOCAL PROPOÑERÁ A ADHESIÓN DE CARRAL AO FONDO GALEGO DE COOPERACIÓN E SOLIDARIEDADE
O goberno local propoñerá a adhesión do Concello ao Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade. Farao nun dos dous plenos extraordinarios que se celebrarán este mércores, 10 de marzo. Esta asociación sen ánimo de lucro aglutina a Concellos e a institucións tanto públicas como privadas que buscan promover o desenvolvemento e contribuír á erradicación das desigualdades nos países empobrecidos.
A cada un dos Concellos que forman parte do Fondo asígnaselles unha cantidade en función do seu número de habitantes. No caso de Carral, a contía sería de 653,61 euros.
O pleno servirá, así mesmo, para aprobar, de forma definitiva, a creación dun servizo de tesourería conxunto cos Concellos de Abegondo e Bergondo. Actualmente, estes Concellos contan con habilitados nacionais en Secretaría e Intervención, pero non en Tesourería, tendo en conta a carga de traballo existente -tanto Carral como Abegondo e Bergondo teñen boa parte da recadación delegada na Deputación da Coruña-. Por esa razón, os tres Concellos apostan por compartir o servizo cun mesmo habilitado.
O Concello celebrará outro pleno extraordinario a solicitude de catro concelleiros da corporación municipal -4 do PP e a concelleira non adscrita-. Durante a sesión, pedirase información sobre a situación actual do procedemento xudicial contra o portavoz do Partido Popular con respecto ao proxecto da rúa Souto Castiñeiros de acceso ao IES de Carral.