RECALCÚLASE O ANCHO PROXECTADO PARA A PONTE DO RÍO BREXA AO CONSIDERAR INSUFICIENTE O ANTERIOR

O novo goberno local do Concello de Carral decidiu recalcular o ancho que a anterior corporación proxectou para a ampliación da ponte do río Brexa, ao consideralo totalmente insuficiente.
“O anterior proxecto só contemplaba cinco metros de ancho para ampliar a ponte polo que non se conseguía arranxar un punto negro de tráfico, mantíñase”, explican desde o goberno local.
O novo proxecto contempla un ancho de 7 metros para a ponte, con dous carrís de 3,50 metros para que poidan cruzarse tanto coches como camións. Este cambio é posible xa que o proxecto non incluía nin o estudo xeotécnico para coñecer a capacidade do terreo, que xa empezou, nin o cálculo das armaduras e os estribos, e tivéronse que incorporar.
Doutra banda, o goberno local ten previsto que esta estrada sirva para darlle saída ao tráfico do Polígono en dirección á A6. Para iso, transferirase a vía á Deputación para que a amplíe e, unha vez completados estes traballos, o Concello prohibirá o paso de vehículos pesados polo centro de Carral, tendo que pasar todos dirección A6 polo Polígono e posteriormente por esta vía.