RECEPCIÓN OFICIAL DO CLUB XIMNASIA RÍTMICA CARRAL NO CONCELLO
O alcalde e o concelleiro de deportes recibirán este venres pola tarde ás integrantes do equipo de ximnasia rítmica, recentes campioas galegas.
O venres 15 de xuño, ás 17.00 h, no salón de plenos do Concello, terá lugar o Acto de Recepción Oficial ao club Ximnasia Rítmica Carral, o equipo de ximnasia da localidade.
Este acto oficial ten lugar unha vez terminada a tempada deportiva, e con motivo da consecución do título de Campioas Galegas na categoría Sénior Promoción, o pasado 9 de xuño en Ourense. Ademais deste título, as integrantes deste novo club (fundouse no 2014), cultivaron unha espectacular tempada coa consecución de números podios (en distintas categorías), en moitos dos trofeos e torneos nos que participaron ao longo destes meses, destacando sobre todo a consecución do subcampionato provincial escolar e o mencionado campionato galego.
O acto de recepción será presidido polo alcalde de Carral, José Luis Fernández Mouriño e o concelleiro de deportes, Rubén Regueira Moar. Ambos recibirán ás integrantes do conxunto campión galego e ás adestradoras e directivas do club no salón de Plenos Municipal. Despois o alcalde dirixirá unhas palabras de agradecemento e felicitación ao equipo e entregaralles un obsequio conmemorativo. A continuación serán as directivas e adestradoras, Cristina Sanmartín e Marta Meijide, as que dirixirán unhas palabras aos asistentes.
Este acto será de acceso público de forma que todo aquel que o desexe poderá acudir a recibir ao equipo á Casa Consistorial.