A Concellería de Cultura publica o seu informe sobre os resultados da programación cultural do ano 2025. Desde hai unha década este departamento ten implantado un sistema de seguimento das actividades que levan a cabo co fin de valorar a consecución de obxectivos e a evolución das programacións, ao tempo que redifinir, se é necesario, as liñas de actuación. O traballo está asinado polo técnico de Cultura, Carlos Lorenzo, e nel, ademais das conclusións que se derivan dos datos recollidos, formula propostas para mellorar a oferta e actividade cultural no municipio.
O informe de avaliación da programación cultural de Carral para o ano 2025 destaca un balance moi positivo cun crecemento na participación e unha excelente valoración por parte dos profesionais do sector. As principais conclusións que poden resultar de maior interese para a veciñanza son as seguintes:
- Aumento da participación veciñal: No ano 2025 rexistrouse un total de 4.667 asistentes ás actividades, o que supón un incremento do 14% (581 persoas máis) con respecto ao exercicio anterior.
- Éxito de programas específicos:
- As artes escénicas (teatro, monicreques, monólogos e maxia) continúan a ser a categoría preferida, con máis propostas e público.
- O ciclo Músicas e Danzas Íntimas experimentou un crecemento excepcional (un 957% máis que en 2024) tras o seu traslado ao Campo da Feira e a inclusión de danza contemporánea.
- O Premio de Poesía Concello de Carral acadou un record histórico de participación con 100 obras presentadas.
- A Biblioteca como motor cultural: Os servizos de préstamo da biblioteca seguen a medrar de xeito constante, acadando duplicar as cifras totais de 2019. Ademais, as actividades de animación á lectura para nenos de 0 a 8 anos foron a segunda categoría con máis oferta e seguimento.
- Valoración da calidade: O 84% dos profesionais (artistas e técnicos) que traballaron en Carral consideran que o departamento de Cultura funciona mellor que na maioría dos concellos de Galicia. Valoran especialmente o trato recibido, a profesionalidade do persoal e a organización das actividades.
- Espazos e densidade de oferta: A Biblioteca e o Local Xente Nova son os centros neurálxicos da cultura, acollendo case a metade da programación. O outono (especialmente outubro) mantense como a época con maior volume de actividades.
- Necesidades de futuro e melloras: Como principal eiva, o informe sinala a necesidade urxente de mellorar os espazos escénicos, mencionando especificamente a demanda de construír un teatro para ofrecer mellores condicións tanto ao público como aos artistas.
Para o futuro, o informe propón estratexias para motivar a participación da mocidade, atender mellor aos colectivos inmigrantes e manter o rigor orzamentario que permite que o concello asuma o 69% do gasto con fondos propios.
Para a descarga do informe prema en INFORME DE AVALIACIÓN CULTURA CARRAL 2025












