Tag Archive for: Ayuntamiento Carral

  • O POS servirá tamén para financiar a creación dunha zona de aparcamento en Cañás e a construción dun muro de contención de granito na zona.
  • Como parte do Plan Complementario, o Concello executará a segunda fase do saneamento na parroquia de San Vicente de Vigo.

O Concello de Carral celebrará mañá, mércores 18 de decembro ás 20.30 horas, unha sesión extraordinaria do pleno que servirá para levar o Plan de Obras e Servizos POS+ 2020 da Deputación A Coruña. Con cargo ao Plan provincial, incluíronse intervencións cun dobre obxectivo: incrementar os servizos para os veciños e veciñas e mellorar as infraestruturas e dotacións existentes no municipio. O equipo de goberno proxecta tres grandes obras que se financiarán coa axuda provincial: a mellora da senda peonil para acceso ao área recreativa da Brexa, a construción dun muro de contención de granito e a creación de aparcamento en lugar de Bacelo (Santa Baía de Cañás) e o acondicionamento do pavillón O Espiño.

Por unha banda, no caso da área recreativa A Brexa, proponse unha importante mellora no acceso (37.701,79 euros). Como parte do plan, dotarase a senda cun pavimento tipo Aripaq, un material acorde coa contorna e resistente ao tempo e ás inclemencias meteorolóxicas. Como medida para mellorar a visibilidade da senda e ampliar os horarios de uso, colocaranse balizas nesta zona. A execución desta obra supoñerá, ademais, a adaptación do percorrido para favorecer o acceso a persoas con mobilidade reducida.

Doutra banda, en Cañás, o proxecto incluirá o acondicionamento dunha zona anexa á igrexa da parroquia para o estacionamento de vehículos (38.895,01 euros). Procederase tamén á construción dun muro de bloques de granito sobre o que se colocará un cerramento constituído por malla metálica e postes.

Por último, o Concello expón o acondicionamento do pavillón polideportivo O Espiño (34.479,43 euros). Neste caso, as obras proxéctanse tanto na parte interior –onde se eliminarán as pingueiras-, como na parte exterior –con traballos de limpeza de fachadas e aplicación de pintura plástica-.

Segunda fase do saneamento en San Vicente

Doutra banda, como parte do Plan Complementario da Deputación para investimentos financeiramente sustentables, o Concello pretende continuar coa segunda fase do saneamento na parroquia de San Vicente de Vigo. As actuacións supoñerán un custo de 241.998, 68 euros.

Con este plan, o goberno dará continuidade ás obras da primeira fase –que supoñen un custo de 134.000 euros e que implican a execución de preto de 2.000 metros lineais de colector-. Esta segunda etapa implicará a dotación doutros 3.400 metros de colector. En total, o goberno local pretende instalar 5 km de saneamento na parroquia.

Posto de tesourería

O pleno servirá tamén para elevar a proposta de estatutos para a constitución dunha agrupación cos Concellos de Abegondo, Bergondo e Miño para dispoñer dun servizo de tesourería.

Educando en Valores

O programa Educando en Valores leva 7 anos levándose a cabo no CEIP Vicente Otero Valcárcel e no IES de Carral. Trátase dunha iniciativa na que se traballan as competencias necesarias para desenvolver a intelixencia emocional das nenas e nenos, non só para poder obter un mellor rendemento académico, senón tamén para favorecer que o clima de convivencia nos centros educativos sexa respectuoso, afectivo e humano.

O curso pasado o programa tamén se estendeu ás familias con moito éxito, e este ano vaise repetir a experiencia a través da organización de obradoiros.

O primeiro será este xoves, 19 de decembro de 17:00 a 19:00 horas, para familias con rapaces do CEIP Vicente Otero Valcárcel  de Carral. O contido do taller será o seguinte:

  • Necesidades emocionais e sociais dos nenos e nenas. A importancia do vínculo seguro.
  • Intelixencias múltiples: a intelixencia emocional.
  • Claves para a educación desde a afectividade consciente.
  • Estratexias e ferramentas para a educación emocional.
  • A comunicación positiva.
  • Normas e límites dende o afecto.
  • Como axudar as crianzas a manexar as súas emocións.

O aforo é limitado.

Para máis información:

  • Departamento de orientación do CEIP Vicente Otero Valcárcel.
  • Servizos Sociais do Concello de Carral.

 

Concurso de Tapas Carral, con moito gusto

Carral dará mañá, xoves 5 de decembro, o pistoletazo de saída á primeira edición do seu Concurso de Tapas ‘Carral, con moito gusto’. En total, serán 8 os locais do municipio que se disputarán o título de Mellor Tapa 2019. O certame arrincará mañá ás 20.00 horas e prolongarase ata a noite do 8 de decembro, aproveitando o ponte da constitución. Con esta medida, o goberno local busca impulsar a actividade hostaleira e turística do municipio e dinamizar a vida social.

En concreto, os establecementos participantes e as súas tapas serán os seguintes: Boca Grande (tapa Zumba), Pizzería Centro Tabeaio (Xabaril estufado con cogomelos), A Taberna XXI (Filloa crocante rechea de grelos e bacallau), Bodega O’ Alprende (Lingua estufada con guarnición), Pío Lindo (Solombo con crema de castañas e cogomelos), O’ Lareiras (O quiñino do Lareiras), A Rotonda (Cóctel de polbo con emulsión de pataca) e Caravel (Truladas Caravel).

A mecánica do concurso é sinxela, as persoas interesadas deberán visitar os negocios participantes, degustar a tapa do local, solicitar que lle selen o folleto e votar á Mellor Tapa 2019 -isto último, unha vez teña completados seis selos diferentes-.

Os petiscos terán un prezo de 1 euro cada un. Ademais, como parte da iniciativa, o público participante optará a premios como un estoxo de botellas de viño, unha cea/comida, produtos relacionados co café e unha cesta de Nadal, entre outros agasallos.

 

Concurso de Tapas Carral, con moito gusto

Cartel Concurso de Tapas ‘Carral, con moito gusto’

O Concello de Carral celebrará mañá, venres 29 de novembro ás 20.30 horas, unha sesión do seu pleno ordinario. Entre outros puntos, o equipo de goberno presentará unha proposta para solicitar a Fomento a cesión gratuíta de dous tramos na antiga N-550, á altura de Ponte Lago e Herves para que pasen a ser de titularidade municipal.

Con todo, o goberno local pedirá, ademais, que o organismo acometa unha serie de obras de mellora e acondicionamento nestes treitos que permitan deixalos en perfecto estado. Unha vez efectuada a cesión, o Concello asumiría os labores de mantemento necesarias. Con esta medida, o Concello busca mellorar a seguridade viaria nestes puntos, que actualmente se atopan en malas condicións.

O pleno servirá tamén para aprobar a modificación de dous proxectos de obra: o de mellora de viais nas parroquias de Tabeaio e Sergude e o de acondicionamento de vías en Santo Estevo de Paleo.

Por unha banda, no de Tabeaio e Sergude, o proxecto redactado en 2018 incluía actuacións na Lameira e no vial A Revolta, no límite do termo municipal. Neste caso, o equipo de goberno propoñerá substituír a intervención na Lameira pola realización de obras na contorna do Campo de Fútbol Os Capelos. Segundo sinala o equipo de goberno, o Concello non recibiu o permiso de Patrimonio para levar a cabo os traballos na Lameira, que debían axustarse ao disposto na Guía de boas prácticas para actuacións nos Camiños de Santiago. A intervención programada nos Capelos incluirá o acondicionamento da zona de acceso e do aparcamento, beneficiando a un gran número de veciños e veciñas que fan uso desta instalación municipal.

Doutra banda, no caso das actuacións na parroquia de Paleo, substituirase un vial por outro. O proxecto inicial contemplaba obras no camiño que comunica o centro de saúde de Paleo con Agra de Paleo e outra na vía de local social de Ans, que se une co límite do concello no lugar do Bordón. Neste caso, despois de realizar dúas visitas á zona, determinouse que para acometer os labores neste segundo camiño –local social de Ans- sería necesario un aumento considerable do custo de obra. Ademais, tal e como explican desde o goberno local, o camiño que se incluía no proxecto inicial termina no río Barcés e non dá servizo a ningunha vivenda da zona. No seu lugar, o goberno local proxecta a execución de obras no vial que une Grela de Paleo co lugar de O Quenllo. Este camiño atópase nun núcleo de poboación con máis densidade e con máis transito, o que redundará no beneficio dun maior número de veciños.

Servizo de tesourería

Por último, o pleno ordinario de mañá servirá para aprobar a creación dun servizo conxunto de tesourería local cos Concellos de Abegondo, Bergondo e Miño, que permitirá que sexa asumida por un hablitado nacional. O labor da tesourería local requirirá só dunha xornada de traballo semanal para dar resposta a todas as necesidades do Concello. Actualmente, os catro Concellos contan con habilitados nacionais en Secretaría e Intervención, pero non en Tesourería, dada a dificultade que supoñería para cada un de forma individual para a carga de traballo existente. Por esa razón, os catro concellos apostan por compartir o servizo cun mesmo habilitado.

Curso AFACO

O Concello de Carral organiza, en colaboración coa Federación de Alzhéimer  Galicia (FAGAL), a Asociación de Familiares de Enfermos de Alzhéimer e a Consellería de Política Social da Xunta de Galicia, un curso dirixido a coidadores e coidadoras de persoas con demencia.

Ao longo do programa formativo darase unha explicación  introductoria sobre o Alzhéimer, abordaranse os síntomas da enfermidade (cognitivos e trastornos psicolóxicos, entre outros), as alternativas farmacolóxicas existentes e a comunicación coas persoas con demencia, entre outras temáticas. A encargada de impartir o curso será  Nerea Rey,  logopeda e responsable dun dos centros terapéuticos de  AFACO.

O obxectivo desta formación é que os coidadores adquiran todas as habilidades e coñecementos necesarios para mellorar e facilitar a atención que prestan ás persoas con demencia.

O curso levarase a cabo os días 26, 27 e 28 de novembro en horario de 17.00 a 20.00 horas na Casa da Cultura de Carral. Esta acción formativa está a suscitar un gran interese entre os veciños e veciñas do municipio. As prazas son limitadas, polo que é necesario inscribirse previamente. As persoas interesadas en anotarse poden chamar ao Edificio Social  Toñito Espiñeira no teléfono 981 61 35 20 ou a  AFACO no teléfono 981 20 58 58 (extensión 3001).

A sala de audiovisuais da Casa da Cultura acollerá mañá a proxección do documental Arte+Muller+Galicia destinada a alumnado de 3º da ESO do instituto de Carral.

O filme, dirixido pola experta en arte Rosario Sarmiento, expón un achegamento ao traballo daquelas artistas mulleres cuxa obra resulta fundamental para entender o desenvolvemento da historia da arte en Galicia.

O alumnado terá ocasión, despois da proxección, de manter un coloquio coa directora.

Con esta actividade, o departamento de Cultura pretende reforzar o coñecemento e difusión das nosas artes plásticas, á vez que quere poñer en valor o importante papel que na creación artística teñen as mulleres, que se teñen que enfrontar a maiores dificultades que os homes para desenvolver unha carreira profesional no mundo das artes.

FOTO CARRAL-Carral inaugura este sábado su Ciclo de Teatro de Outono con nueve obras de todos los géneros

O Concello de Carral inaugurará esta fin de semana o seu Ciclo de Teatro de Outono, un evento anual que crece, ano tras ano, en cifras de asistencia. O programa da nova edición conta con nove funciones teatrais moi diversas. Así, ao longo do ciclo, haberá representacións para todos os públicos e con temáticas moi diversas. A maioría das obras están enmarcadas dentro da Rede Cultural da Deputación da Coruña. Unha delas, Iriña Bailarina (Teatro dúas Gazafelhos), realizarase a través da Rede de Dinamización Lingüística da Xunta de Galicia.

O grupo Charamusca Teatro, natural de Carral, dará o pistoletazo de saída mañá, sábado 19 de outubro ás 20.30 horas, no Local Social Xente Nova de Tabeaio. Farao coa estrea O convidado, unha comedia dirixida por José Leis.

Xurxo Cortázar tomará a substitución unha semana despois, o 26 de outubro, co seu espectáculo Desconexión –Local Social Xente Nova de Tabeaio, 20.30 horas-. O humor e a reflexión mestúranse nesta obra, que relata a historia dun boneco de semáforo.

A compañía O Aturuxo de Melpómene aterrará o 2 de novembro ás 20.30 horas no local de Tabeaio. Nesta ocasión, a agrupación subirase ao escenario con Algo pasa con Paco, unha comedia de maxia e enredos na que Paco, o protagonista da historia, aprenderá que a vida non só é branca ou negra, senón que está chea de cores.

Chévere traerá, o sábado 16 de novembro, a súa obra Fillas Bravas, na que as mulleres cobran un papel protagónico. Así, a través da música da pandeireta e das súas propias voces, tres mulleres contarán historias ao público asistente. Unha vez máis, a representación terá lugar no Local Xente Nova de Tabeaio ás 20.30 horas.

Teatro Atlántico deleitará aos veciños e veciñas coa súa obra Dúas donas que bailan o sábado, 23 de novembro, ás 20.30 horas en Tabeaio. A través desta función, a compañía fará reflexionar ao público sobre a situación das persoas maiores que viven soas: a súa relación cos seus coidadores e coidadoras e a súa forma de ver a vida, entre outros aspectos.

O Teatro dous Gazafelhos traerá o seu espectáculo Iriña Bailarina o domingo, 24 de novembro, ás 12.00 horas ao Toñito Espiñeira. Esta función está dirixida ao público infantil e familiar.

Andaravía Teatro chegará a Tabeaio coa súa comedia República de Gundián. A cita está prevista para o sábado, 30 de novembro ás 20.30 horas, no Local Xente Nova de Tabeaio.

O sábado, 7 de decembro, Cayetano Lledó regresará a Carral con Le Cirque –Local Xente Nova de Tabeaio, 20.30 horas-. Durante a función, Lledó mesturará a maxia e unha posta escénica en grao sumo espectacular para representar a diferentes personaxes que forman parte dun circo.

Baobab Teatro será a encargada de pechar o Ciclo de Teatro con Puño Puñete. Esta función está dirixida ao público infantil, e levará a cabo o sábado, 14 de decembro ás 19.00 horas, no Local Xente Nova de Tabeaio.

O acceso para asistir a calquera destas funcións é libre e gratuíto. Rógase, iso si, puntualidade para acudir ás representacións teatrais.

 

Cartel Ciclo de Teatro de Outono Carral

Cartel Ciclo de Teatro de Outono Carral

A compañía galega Larei Lará presentou o xoves 10 de outubro o espectáculo Brancaneves e os 7 para nenas e nenos de educación infantil de Carral e Tabeaio. Con esta función iniciouse o programa do festival Galicreques en Carral.

Brancaneces o os sete - Carral 2019 (1)

 

 

A segunda e última función de Galicreques terá lugar o vindeiro domingo, ás 18:00 h, no local Xente Nova de Tabeaio. A compañía A Xanela do Maxín ofrecerá a posta en escena do coñecido conto A toupiña que quería saber quen lle fixera aquilo na cabeza, para idades superiores aos 2 anos de idade. A toupiña saía do seu tobo e algo lle caeu na cabeza, a modo de pucho cheirento. Daquela, percorrerá a granxa investigando -moi indignada- cal dos animais que alí viven lle fixera semellante agravio: a pomba, o cabalo, a lebre… É Unha obra simpática e escatolóxica que provoca gargalladas e fai que os espectadores empaten coa toupiña, ferida no seu orgullo.

Galicreques supón a antesala ao ciclo de outono de teatro que comezará a vindeira semana coa obra Convidado do grupo carralés Charamusca.

Unidade móbil inspección técnica vehículos agrícolas

A unidade móbil de inspección técnica de vehículos agrícolas desprazarase a Carral os vindeiros días:

  • 21, 22 23 de outubro: de 9.00 a 13.30 horas e de 15.15 a 18.00 horas. A unidade móbil estará xunto ao punto limpo (Polígono Os Capelos).

Para solicitar cita previa, é preciso chamar ao teléfono 902 30 90 00.

 

 

Ciclo de Cine Concello Carral

O Concello de Carral estrea, esta semana, o seu Ciclo de Cine de outono, que conta cun total de nove films. Todas as películas proxectaranse os venres ás 20.30 horas na Casa da Cultura de Carral, onde se celebraron, ata a data, 20 ciclos de cinema coas mesmas características. Como noutras ocasións, a oferta fílmica conta con propostas de todos os xéneros. Como parte da programación, o Concello ofrece algúns títulos premiados cun Óscar, unha cinta galega (Dhogs) e unha española (Perfectos desconocidos).

Este novo ciclo arrincará con La forma del agua, que se proxectará mañá, venres 11 de outubro. A programación continuará o 18 de outubro con Perfectos desconocidos. Dhogs tomará a substitución o 25 de outubro, e, a continuación, será a quenda de Bohemian Rhapsody, que se emitirá o 8 de novembro. O programa seguirá con Manchester frente al mar o 15 de novembro, e o día 22 con First man (El primer hombre) e, como broche final ao mes de novembro, será a quenda de Infiltrado en el KKKlan o venres 29 de novembro. No mes de decembro proxectaranse as películas El instante más oscuro (13 de decembro) e El Grinch (20 de decembro).

A entrada é gratuíta pero as prazas son limitadas. Así, os interesados en visionar calquera dos filmes deberán retirar as súas entradas previamente na Casa da Cultura.

 

Ciclo de Cine Concello Carral

Ciclo de Cine Concello Carral