O Concello de Carral manifesta o seu compromiso coa cultura, traballando para buscar solucións á diversa programación cultural que non se está podendo facer e a que se verá afectada a curto prazo polos efectos do coronavirus. O departamento municipal de Cultura segue a traballar na busca de alternativas para que as múltiples actividades, actos, espectáculos e eventos se adíen, mais non se cancelen. Se están manexando varias opcións para poder ofrecer á cidadanía de Carral unha completa programación, aínda coas dúbidas que
existen sobre a evolución da pandemia, de cando se poderán levar a cabo este tipo de actividades, de cales serán as características dos espazos e os aforos permitidos, e de como se irá avanzando cara a normalidade que coñecíamos antes das restricións sanitarias.
Os programas máis afectados son aqueles que anualmente se manteñen nunhas mesmas datas. Son os casos do acto do Premio de Poesía Concello de Carral, as Noites de Cine, o ciclo Músicas Íntimas e dos Venres de Monólogo. Ademais están diversas actividades que se realizan nos centros de ensino, nas bibliotecas municipais, os espectáculos de teatro de outono ou os ciclos de cine na Casa da Cultura, entre moitos outros. Para todas elas estanse buscando alternativas para que se poidan levar a cabo unha vez as autoridades sanitarias autoricen facelas. Unha das opcións que se barallan é que a programación do 2020 poida estenderse ata o Entroido. Para iso tamén se está atento ás medidas que se están a adoptar desde a Xunta de Galicia ou a Deputación, xa que boa parte da programación se realiza en colaboración con estas administracións.
É inquedanza do Concello de Carral manter o nivel de actividade cultural da que se beneficia a veciñanza, á vez que mantén o apoio e compromiso coas industrias e os traballadores culturais, un sector sempre moi precarizado e que neste tempo de corentena está a sufrir unhas consecuencias económicas moi complicadas.
Tag Archive for: casa da cultura
Por mor da situación provocada polo coronavirus, e atendendo á D.A. 3ª.3 do Real Decreto 463/2020, de 14 de marzo, polo que se declara o estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19 “1. Suspéndense termos e interrómpense os prazos para a tramitación dos procedementos das entidades do sector público. O cómputo dos prazos reanudarase no momento no que perda vixencia o presente real decreto ou, no seu caso, as prórrogas do mesmo.”
Isto supón que a data para presentar obras ampliarase máis alá do 3 abril do 2020 fixado actualmente nas bases, notificándose a nova data límite no momento en que perda vixencia a norma citada. Asemade, a data prevista para a entrega do premio e presentación do libro gañador na anterior edición, tamén se ve afectada por esta situación, notificándose no momento oportuno a nova data para levar a cabo devandito acto.
O venres 14 de febreiro remata o Ciclo de Películas Documentais Galegas coa proxección de “Pedrón do Freixo”. Para a presentación e posterior faladoiro, contarase coa presenza do seu director, Ángel Cordero.
“Pedrón” (José María Tojeiro Pita), un home da parroquia do Freixo (As Pontes, A Coruña) de 83 anos, relata a súa vida chea de duras experiencias, onde o traballo a reo, a ausencia de familia e a integración na comunidade son un reflexo do acontecido na súa terra. A través da súa historia (compendio de tenacidade, supervivencia e bo humor) coñeceremos a esencia de O Freixo, unha parroquia chea de vida hai un século, agora camiño do despoboamento.
Como ven sendo habitual, a sesión comezará ás 20:30 h. na sala de audiovisuais da Casa da Cultura.
Co obxecto de que as persoas e grupos que desexen participar na festa do Entroido de Carral saiban como proceder, a Concellería de Cultura publica as bases que poden descargar a continuación:
Bases concursos Entroido Carral 2020
A Concellería de Cultura ofrece un novo obradoiro de tres horas para aprender receitas que aproveitan a moita comida que sobra durante as celebracións do Entroido.
O curso será impartido polo chef Diego Pita no Centro de Formación Antón Fraguas os días 17 e 19 de febreiro.
Para máis información e inscricións, as persoas interesadas deberán dirixirse á Casa da Cultura.
As prazas son limitadas.
A segunda sesión do ciclo de películas documentais galegas que acolle a Casa da Cultura, será presentada polos directores do documental Estruturas. Pel contra pel, Xosé Bocixa
e Paco Gallego. A proxección comezará ás 20:30 h. O aforo é limitado.
Este documental analiza como ten sido a intervención do ser humano coas súas construcións na paisaxe galega e cal é o resultado que actualmente vivimos.
Unha vez finalizada a proxección do documental, os autores do filme manterán un coloquio cos espectadores.
O Concello de Carral, a través do seu departamento de Cultura, ven de convocar unha nova edición do seu premio de poesía, que está dotado con 2500 euros e a publicación da obra gañadora en
Edicións Espiral Maior.
Co certame do 2020 cúmprense 23 edicións, sendo un concurso de referencia no ámbito da poesía galega.
Esta nova edición do premio contempla un prazo para presentar exemplares aberto ata o 3 de abril. Poderán presentar obras os autores e autoras maiores de idade, con poemarios cun mínimo de 500 versos escritos en lingua galega.
O premio entregarase o 29 de maio, dentro dos actos das Letras Galegas en Carral, no que ademais se prevé a presentación da edición do libro gañador da vixésima segunda edición do concurso, titulado Cantar de Cortegada de Xurxo Alonso.
Ademais do premio e da publicación do libro, o Concello de Carral segue coas actividades escolares relacionadas coa poesía, consistentes en obradoiros de escrita poética e en concursos de poemas.
Para ampliar información, os interesados poden dirixirse á Casa da Cultura de Carral, no teléfono 981 672580, no correo electrónico cultura@carral.es ou a través da web carral.es.
Bases XXIII Concurso de Poesía Concello de Carral
Nas actividades que a concellería de Cultura do Concello de Carral organiza para o Nadal, incluíuse un obradoiro de dous días para elaborar un menú especial para estas datas festivas. O curso, dirixido a adultos, levarase a cabo o 16 e 18 de decembro no Centro Municipal de Formación Antón Fraguas en horario de 20:00 a 21:30 h.
As persoas interesadas deberanse inscribir na Casa da Cultura aboando 5 euros antes do 12 de decembro. As prazas son limitadas e cubriranse por orde de inscrición.
A representación de “Dúas donas que bailan” de Teatro do Atlántico, incluída no ciclo de Teatro de Outono e prevista para este sábado, muda de data para o 14 de decembro ás 20:30 h.
O motivo do cambio é a baixa médica dun membro do elenco.
Esta mudanza afecta tamén ao espectáculo “Puño Puñete” de Baobab Teatro, que fica fixado para o venres 6 de decembro ás 19:00 h.
Ámbolos dous espectáculos terán lugar no Local Xente Nova de Tabeaio.
Este venres ofrécese unha película de aventuras que narra a historia da NASA para levar o primeiro home á lúa. O próximo filme de Cine na Casa da Cultura é “First man (El primer
hombre)”.
A proxección do filme protagonizado por Ryan Gosling comezará ás 20:30 h. Non está recomendada para menores de 7 anos.
A entrada é de balde e o aforo limitado.















