Tag Archive for: casa da cultura

3678A52B-7BEF-4E92-BB97-891381DB1E8C

Foto de Aymará Ghiglione

Xabier Cid, coa súa obra As bicis resultou gañador do Concurso de Poesía “Concello de Carral” do presente ano.

O xurado salienta o bo nivel en xeral dos poemarios presentados, nos que houbo propostas poéticas moi distintas, tanto nas temáticas coma nas formas. Da obra gañadora o xurado salienta que é un libro escrito como un proxecto poético, construído desde unha suposta mirada e voz feminina e feminista, innovador na disposición dos versos e puidéndose definir como experimental ou alternativo. Existe unha intención visual na disposición dos textos, explotando a posibilidade estética da páxina en branco. O autor provoca aos lectores a través das diferentes lecturas posibles.

O xurado do concurso estivo formado por Mercedes Queixas, Xosé Luís Mosquera e Verónica Martínez, coa presidencia da Concelleira de Cultura, Margarita Ramilo Varela, e asistidos en calidade de secretario, polo técnico municipal de Cultura e coordinador do premio, Carlos Lorenzo Pérez. Ao certame presentáronse un total de 38 poemarios.

O premio de Carral está dotado con 2500 euros e a publicación da obra na colección de poesía de Edicións Espiral Maior.

Xabier Cid, natural de Ourense e actualmente residente en Escocia, é licenciado en filoloxía e mestrado en xestión deportiva. Foi finalista no ano 2000 do premio de novela curta Manuel Lueiro Rey con Terá as túas balas, publicada pola editorial Sotelo Blanco. Tamén ten traducido a Craig Patterson e a George Tucker.

O acto de entrega do premio terá lugar o 25 de maio, na Casa da Cultura de Carral, dentro da programación de Letras Galegas 2018. O mesmo acto, no que actuará o conxunto poético e musical Grupo Ouriol, servirá para a presentación do poemario que gañou na pasada edición, Das árbores tropicais e do amor de Xosé Luís Mosquera Camba. Para a publicación do libro o Concello de Carral contou coa colaboración económica da Secretaría Xeral de Política Lingüística e da Secretaría Xeral de Cultura da Xunta de Galicia.

 

Por sétimo ano consecutivo, a Biblioteca Municipal pon en marcha unha nova campaña de libros solidarios.Folleto libros solidarios 2018

Coincidindo coa XVI Festa do Pan que se celebra na nosa localidade os días 12 e 13 de maio,

a biblioteca instalará un stand ó carón da Casa do Concello, para facer novamente un troco solidario, libros por alimentos e productos de primeira necesidade.

Ata o día 10 de maio, levarase a cabo unha recollida de libros usados ( agás libros de texto, enciclopedias ou os que estean en mal estado). Os interesados poderán depositalos na biblioteca municipal (Casa da Cultura).

Todo o material recollido neste troco solidario, será xestionado polos Servicios Sociais do Concello de Carral.

Contacontos 26 abril 2018.Un ano máis, a Biblioteca Municipal está a celebrar durante todo o mes de abril o Día do Libro.

Coa intención de achegar os libros ós máis cativos do Concello, visitaron a biblioteca os nenos e nenas da escola infantil “A Galiña Azul,” que coñeceron de primeira man, o fondo bibliográfico destinado específicamente para eles e que se atopa  na Biblioteca Infantil.

Agardamos tamén a visita do alumnado de educación infantil do CEP Vicente Otero e da escola unitaria de Tabeaio, que o día 24 de abril achegaranse á biblioteca municipal, nesta ocasión para gozar  dunha sesión de contacontos  realizado pola Compañía do Trinketrinke.

O día 26 de abril, volve a compañía do Trinketrinke para presentarnos o seu contacontos teatral “ Avós”, dirixido a nenos e nenas de 3 a 8 anos. Será na biblioteca pública municipal ás 18:00 horas. As invitacións estarán dispoñibles dende o luns 23, na Casa da Cultura e na Biblioteca Infantil.

Durante este mes, comeza tamén a VII campaña Libros Solidarios que se extenderá dende o 23 de abril ata o 10 de maio e na que todos os interesados poderán entregar en calquera das bibliotecas ( Casa da Cultura ou Infantil ) libros usados en bo estado.

A finalidade desta campaña é que durante a Festa do Pan ( que se celebrará na nosa localidade os días 12 e 13 de maio), estes libros donados previamente se cambien por alimentos non perecedeiros. Todo o material  recollido serán xestionados polos Servicios Sociais Municipais.

Lembrar tamén que ó longo destes días todos os usuarios que visiten as nosas bibliotecas terán a oportunidade de levar para a súa casa como agasallo, algún dos libros que están á súa disposición tanto na Biblioteca Municipal como na Biblioteca Infantil.

O documental sobre a poesía galega contemporánea, Vértice de Versos, preséntase o vindeiro venres na Casa da Cultura de Carral.Cartel Vértice de Versos en Carral.

Despois da estrea que tivo lugar o pasado 23 de marzo en Oleiros, o documental de Carlos Lorenzo proxéctase en Carral, localidade empregada como unha das localizacións nas que se rodou esta produción audiovisual. Carlos Lorenzo é o técnico municipal de Cultura e é titulado pola Escola de Imaxe e Son da Coruña. Vértice de Versos é a súa primeira obra audiovisual na que asume o rol de director e produtor. Antes tiña participado no ámbito audiovisual como guionista e en tarefas de produción.

En Vértice de Versos faise un repaso pola poesía galega dos últimos 25 anos tratando temas como a súa fortaleza nos últimos anos, as novas formas de expresión poética, o valor da lingua neste fenómeno ou o salientable papel da muller na actual poesía, entre outros temas. Centra tamén a súa atención en catro poetas de éxito, como son Baldo Ramos, Emma Pedreira, Yolanda Castaño e Gonzalo Hermo, revisando as súas traxectorias, os seus procesos creativos e as súas obras. Tamén se inclúen vídeopoemas destes autores, algúns feitos especialmente para o documental.

É unha longametraxe áxil e entretida, na que as persoas que non teñen contacto habitual coa poesía galega, descubrirán unha nova imaxe deste ámbito literario.

O Concello de Carral é unha das entidades que colaborou na produción do documental.

O documental proxectarase ás 20:30 h. As localidades son limitadas e as entradas, que son de balde, poden retirarse previamente na Casa da Cultura desde o mércores 4 de abril.

Teaser – Vértice de Versos from Carlos Lorenzo Pérez on Vimeo.

Contacontos 22 marzo 2018.A Biblioteca municipal, dentro da súa programación de animación á lectura, ofrece este xoves 22 de marzo, unha nova sesión de contacontos dirixido a nenos e nenas de 3 a 8 anos de idade. Será ás 18:00 h, na biblioteca da Casa da Cultura.

Para asistir ao contacontos é imprescindible retirar previamente a entrada na recepción da Casa da Cultura. As entradas son de balde.

Nesta ocasión Trinketrinke Teatro presenta “Familias diversas”.

O Concello de Carral organiza unha excursión para o colectivo da 3ª Idade que visitará Portugal o día 7 de abril.Cartel Excursión a Portugal 2018.

O prazo para anotarse está aberto ata o 1 de abril. As persoas interesades deberán achegarse ata a Casa da Cultura para formalizar a súa inscrición. Ten un prezo de 20 € para pensionistas e membros do centro da 3ª Idade de Carral e 28 € para as restantes persoas.

O programa da viaxe comprende a visita ao feirón de Vila Nova de Cerveira, xantar no restaurante Afonso e visita á Fortaleza de Valença.

Cartel documental sobre os Mártires.Nair Arias Fernández, alumna do Grao de Historia do Arte da USC que realiza prácticas no Concello de Carral, ofrecerá unha charla sobre a historia do monumento dedicado aos Mártires de Carral. Fará un repaso polos feitos acontecidos no alzamento de 1846 e polo proceso que existiu para a construción do monumento.

A charla terá lugar na Casa da Cultura, o mércores 28 de febreiro, ás 20:00 h. A entrada é libre.

Esta actividade enmárcase no convenio de colaboración  subscrito entre a Universidade de Santiago e o Concello de Carral para que alumnos dos graos e postgraos de Historia e Historia da Arte realicen as súas prácticas xunto a persoal municipal.

Acto presentación Premio Poesía Carral - 2018 -07-wO alcalde de Carral presentou esta mañá as bases da vixésima primeira edición do premio poético “Concello de Carral”.

José Luis Fernández Mouriño, acompañado do secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García Gómez, presentou na Casa da Cultura unha nova edición do certame poético, que continúa co obxectivo de contribuír ao descubrimento e consolidación dos autores en lingua galega.

Na súa intervención o alcalde destacou o prestixio que vai gañando este certame e o recoñecemento que ten no ámbito literario e cultural galego. A finais do pasado ano, a Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural escolleu este premio como un dos mellores proxectos exemplo de boas prácticas de xestión cultural. Fernández Mouriño lembrou tamén como se celebraron os 20 anos do premio, coa realización dun documental presente en internet, unha exposición que repasaba os autores, autoras e libros premiados nestas dúas décadas, así como as actividades iniciadas nos centros educativos de Carral relacionadas coa poesía.

O alcalde salientou a colaboración que ofrece a Consellería de Cultura e Educación, a través das súas secretarías xerais de Cultura e de Política Lingüística, que serve para que a Editorial Espiral Maior publique na súa colección de poesía o libro Das árbores tropicais e do amor de Xosé Luís Mosquera Camba que obtivo o premio na pasada edición. O libro presentarase no acto de entrega do premio deste ano, previsto para o 25 de maio.

Ademais do premio e da publicación do libro, o Concello de Carral segue coas actividades escolares relacionadas coa poesía, consistentes en obradoiros de escrita poética e en concursos de poemas.

Pola súa banda Valentín García incidiu que o apoio que a Xunta de Galicia lle dá a este premio resulta xa inexcusable, dado o valor que xa ten dentro do ámbito da cultura en Galicia e pola defensa que supón para a lingua e a creación literaria. Salientou a importante nómina de autores e autoras premiadas que xa están na primeira liña da literatura galega. Para algúns deles foi o trampolín na súa carreira literaria e para outros supuxo un mérito máis co que consolidar a súa traxectoria.

Esta nova edición do certame contempla un prazo para presentar exemplares aberto ata o 7 de abril. Poderán presentar obras os autores e autoras maiores de idade, con poemarios cun mínimo de 500 versos escritos en lingua galega.

O premio entregarase o 25 de maio, dentro dos actos das Letras Galegas en Carral, no que ademais se prevé a presentación do libro gañador da vixésima edición do concurso, titulado Das árbores tropicais e do amor de Xosé Luís Mosquera Camba

Para ampliar información, os interesados poden dirixirse á Casa da Cultura de Carral, no teléfono 981 672580 ou a través da web carral.es.

Bases XXI Concurso de Poesía Concello de Carral

Castro As Travesas - webO museo do castro das Travesas vai levar a cabo unha serie de visitas guiadas entre os días 26 e 29 de decembro, co obxecto de ofrecer á poboación local e visitantes a posibilidade de coñecer as características e pezas extraídas deste castro carralés.

As visitas comezarán ás 11:30 h. e terán unha duración dunha hora. Correrán a cargo da técnica responsable da sala, que está a prestar os seus servizos durante estes meses grazas a unha subvención da Deputación da Coruña.

Nos comentarios da visita guiada, os participantes poderán coñecer aspectos históricos do mundo castrexo, das singularidades do castro das Travesas e ver algúns interesantes obxectos extraídos nas dúas escavacións que se fixeron neste xacemento arqueolóxico.

As visitas serán de balde e non é necesario reservar praza. O museo está na Casa da Cultura.