Tag Archive for: Ciclo Teatro de Outono

O teatro será protagonista nos vindeiros meses en Carral. O Concello celebrará unha nova edición do Ciclo de Teatro de Outono ofrecendo nove funcións para públicos de todas as idades. As representacións comezarán esta mesma semana, coa primeira este venres, 3 de outubro. Todas terán lugar no local Xente Nova de Tabeaio ás 20.30 horas.

Teatro de Ningures será a encargada de inaugurar o programa con As gardiás ou o nó do tecelán (3 de outubro). O humilde piso de Rosa é un refuxio acolledor dunha tribo de catro mulleres maiores decididas a preservar a súa independencia: Rosa (que se atopa en cadeira de rodas) e as súas compañeiras Ana, Marga e Susana. Cando a filla da primeira lle propón trasladala a unha institución médica e vender o apartamento, comeza unha loita entre dúas visións do que significa envellecer ben.

Unha semana despois, De Ste Xeito Producións tomará a remuda con Neura (10 de outubro). Trátase dunha comedia que aborda o tema da saúde mental a través da historia de amor e desamor de Edu e Sonia, unha relación que rematou, precisamente, a causa deses trastornos.

As damas de Ferrol de Teatro do Noroeste será a seguinte función do Ciclo de Teatro de Outono (17 de outubro). As protagonistas son Maruxa e Lurdes, dúas irmás xa maiores que contan, entre discusión e discusión, partes das súas vidas. A obra foi recoñecida cos premios Luisa Villalta da Deputación da Coruña por proxectos pola igualdade.

Verdeveras Expresións Artísticas chegará ao municipio con As formas do amor (24 de outubro). Na peza cóntase a historia dun deses amores inesquecibles que marcan un antes e un despois na vida.

Tolóptica, de Código Azul, será a seguinte representación do programa (31 de outubro). Os protagonistas son Leo e Brais, dous empresarios da óptica Tolóptica. Estes asisten á 24ª convención da compañía, na cal van entregar os premios ao mellor vendedor de primeira clase da empresa, entre outros.

Programación de novembro

A programación de novembro arrincará da man do grupo Butacazero e de O único que verdadeiramente quixen toda a vida é ser delgada (7 de novembro). A actriz Esther F. Carrodeguas abordará con sinceridade crúa e humor irónico a súa relación co seu corpo, marcada pola gordofobia da sociedade.

Cortello de amor de Amorodio Teatro será a seguinte proposta no calendario (14 de novembro). Nela cóntase a historia de Jack e Rose, unha parella que ronda a trintena e que levan xuntos dende a adolescencia. Ambos van a un concerto do seu grupo favorito, Grande Amore, e logo dunha festa memorable que paraliza a cidade pola afluencia masiva de público, os membros da banda non conseguen arrincar a súa furgoneta. Rose e Jack non o dubidan e deciden ofrecerlles a súa casa para pasar a noite e durmir eles dous no faiado.

Desexo, de Talia Teatro, será a antepenúltima función do ciclo, e chegará o 21 de novembro ao local social Xente Nova. Nela, a compañía aborda como na sociedade máis sexualizada da historia continúa habendo tabús arredor de cuestións como a educación sexual das novas xeracións, por exemplo.

Compañía, de Xampatito Pato, será a obra de peche do programa o 28 de novembro. Trátase dun espectáculo que fusiona o circo co mundo dos monicreques, creando imaxes e escenas que transportan ao espectador a un mundo onírico.

A entrada será libre ata completar aforo. En todo caso, unha vez que estea iniciada a función, non se permitirá o acceso á sala. 

Toda a información en https://carral.es/teatro-de-outono-2025/

FOTO CARRAL-Carral inaugura este sábado su Ciclo de Teatro de Outono con nueve obras de todos los géneros

O Concello de Carral inaugurará esta fin de semana o seu Ciclo de Teatro de Outono, un evento anual que crece, ano tras ano, en cifras de asistencia. O programa da nova edición conta con nove funciones teatrais moi diversas. Así, ao longo do ciclo, haberá representacións para todos os públicos e con temáticas moi diversas. A maioría das obras están enmarcadas dentro da Rede Cultural da Deputación da Coruña. Unha delas, Iriña Bailarina (Teatro dúas Gazafelhos), realizarase a través da Rede de Dinamización Lingüística da Xunta de Galicia.

O grupo Charamusca Teatro, natural de Carral, dará o pistoletazo de saída mañá, sábado 19 de outubro ás 20.30 horas, no Local Social Xente Nova de Tabeaio. Farao coa estrea O convidado, unha comedia dirixida por José Leis.

Xurxo Cortázar tomará a substitución unha semana despois, o 26 de outubro, co seu espectáculo Desconexión –Local Social Xente Nova de Tabeaio, 20.30 horas-. O humor e a reflexión mestúranse nesta obra, que relata a historia dun boneco de semáforo.

A compañía O Aturuxo de Melpómene aterrará o 2 de novembro ás 20.30 horas no local de Tabeaio. Nesta ocasión, a agrupación subirase ao escenario con Algo pasa con Paco, unha comedia de maxia e enredos na que Paco, o protagonista da historia, aprenderá que a vida non só é branca ou negra, senón que está chea de cores.

Chévere traerá, o sábado 16 de novembro, a súa obra Fillas Bravas, na que as mulleres cobran un papel protagónico. Así, a través da música da pandeireta e das súas propias voces, tres mulleres contarán historias ao público asistente. Unha vez máis, a representación terá lugar no Local Xente Nova de Tabeaio ás 20.30 horas.

Teatro Atlántico deleitará aos veciños e veciñas coa súa obra Dúas donas que bailan o sábado, 23 de novembro, ás 20.30 horas en Tabeaio. A través desta función, a compañía fará reflexionar ao público sobre a situación das persoas maiores que viven soas: a súa relación cos seus coidadores e coidadoras e a súa forma de ver a vida, entre outros aspectos.

O Teatro dous Gazafelhos traerá o seu espectáculo Iriña Bailarina o domingo, 24 de novembro, ás 12.00 horas ao Toñito Espiñeira. Esta función está dirixida ao público infantil e familiar.

Andaravía Teatro chegará a Tabeaio coa súa comedia República de Gundián. A cita está prevista para o sábado, 30 de novembro ás 20.30 horas, no Local Xente Nova de Tabeaio.

O sábado, 7 de decembro, Cayetano Lledó regresará a Carral con Le Cirque –Local Xente Nova de Tabeaio, 20.30 horas-. Durante a función, Lledó mesturará a maxia e unha posta escénica en grao sumo espectacular para representar a diferentes personaxes que forman parte dun circo.

Baobab Teatro será a encargada de pechar o Ciclo de Teatro con Puño Puñete. Esta función está dirixida ao público infantil, e levará a cabo o sábado, 14 de decembro ás 19.00 horas, no Local Xente Nova de Tabeaio.

O acceso para asistir a calquera destas funcións é libre e gratuíto. Rógase, iso si, puntualidade para acudir ás representacións teatrais.

 

Cartel Ciclo de Teatro de Outono Carral

Cartel Ciclo de Teatro de Outono Carral