Tag Archive for: Concello Carral

  • O POS servirá tamén para financiar a creación dunha zona de aparcamento en Cañás e a construción dun muro de contención de granito na zona.
  • Como parte do Plan Complementario, o Concello executará a segunda fase do saneamento na parroquia de San Vicente de Vigo.

O Concello de Carral celebrará mañá, mércores 18 de decembro ás 20.30 horas, unha sesión extraordinaria do pleno que servirá para levar o Plan de Obras e Servizos POS+ 2020 da Deputación A Coruña. Con cargo ao Plan provincial, incluíronse intervencións cun dobre obxectivo: incrementar os servizos para os veciños e veciñas e mellorar as infraestruturas e dotacións existentes no municipio. O equipo de goberno proxecta tres grandes obras que se financiarán coa axuda provincial: a mellora da senda peonil para acceso ao área recreativa da Brexa, a construción dun muro de contención de granito e a creación de aparcamento en lugar de Bacelo (Santa Baía de Cañás) e o acondicionamento do pavillón O Espiño.

Por unha banda, no caso da área recreativa A Brexa, proponse unha importante mellora no acceso (37.701,79 euros). Como parte do plan, dotarase a senda cun pavimento tipo Aripaq, un material acorde coa contorna e resistente ao tempo e ás inclemencias meteorolóxicas. Como medida para mellorar a visibilidade da senda e ampliar os horarios de uso, colocaranse balizas nesta zona. A execución desta obra supoñerá, ademais, a adaptación do percorrido para favorecer o acceso a persoas con mobilidade reducida.

Doutra banda, en Cañás, o proxecto incluirá o acondicionamento dunha zona anexa á igrexa da parroquia para o estacionamento de vehículos (38.895,01 euros). Procederase tamén á construción dun muro de bloques de granito sobre o que se colocará un cerramento constituído por malla metálica e postes.

Por último, o Concello expón o acondicionamento do pavillón polideportivo O Espiño (34.479,43 euros). Neste caso, as obras proxéctanse tanto na parte interior –onde se eliminarán as pingueiras-, como na parte exterior –con traballos de limpeza de fachadas e aplicación de pintura plástica-.

Segunda fase do saneamento en San Vicente

Doutra banda, como parte do Plan Complementario da Deputación para investimentos financeiramente sustentables, o Concello pretende continuar coa segunda fase do saneamento na parroquia de San Vicente de Vigo. As actuacións supoñerán un custo de 241.998, 68 euros.

Con este plan, o goberno dará continuidade ás obras da primeira fase –que supoñen un custo de 134.000 euros e que implican a execución de preto de 2.000 metros lineais de colector-. Esta segunda etapa implicará a dotación doutros 3.400 metros de colector. En total, o goberno local pretende instalar 5 km de saneamento na parroquia.

Posto de tesourería

O pleno servirá tamén para elevar a proposta de estatutos para a constitución dunha agrupación cos Concellos de Abegondo, Bergondo e Miño para dispoñer dun servizo de tesourería.

Educando en Valores

O programa Educando en Valores leva 7 anos levándose a cabo no CEIP Vicente Otero Valcárcel e no IES de Carral. Trátase dunha iniciativa na que se traballan as competencias necesarias para desenvolver a intelixencia emocional das nenas e nenos, non só para poder obter un mellor rendemento académico, senón tamén para favorecer que o clima de convivencia nos centros educativos sexa respectuoso, afectivo e humano.

O curso pasado o programa tamén se estendeu ás familias con moito éxito, e este ano vaise repetir a experiencia a través da organización de obradoiros.

O primeiro será este xoves, 19 de decembro de 17:00 a 19:00 horas, para familias con rapaces do CEIP Vicente Otero Valcárcel  de Carral. O contido do taller será o seguinte:

  • Necesidades emocionais e sociais dos nenos e nenas. A importancia do vínculo seguro.
  • Intelixencias múltiples: a intelixencia emocional.
  • Claves para a educación desde a afectividade consciente.
  • Estratexias e ferramentas para a educación emocional.
  • A comunicación positiva.
  • Normas e límites dende o afecto.
  • Como axudar as crianzas a manexar as súas emocións.

O aforo é limitado.

Para máis información:

  • Departamento de orientación do CEIP Vicente Otero Valcárcel.
  • Servizos Sociais do Concello de Carral.

 

Esta proba, organizada pola Pena Ciclista Monte  Xalo en colaboración co concello, terá lugar o próximo 14 de decembro e puntuará para o campionato galego da especialidade e a clasificación nacional. Read more

Concurso de Tapas Carral, con moito gusto

Carral dará mañá, xoves 5 de decembro, o pistoletazo de saída á primeira edición do seu Concurso de Tapas ‘Carral, con moito gusto’. En total, serán 8 os locais do municipio que se disputarán o título de Mellor Tapa 2019. O certame arrincará mañá ás 20.00 horas e prolongarase ata a noite do 8 de decembro, aproveitando o ponte da constitución. Con esta medida, o goberno local busca impulsar a actividade hostaleira e turística do municipio e dinamizar a vida social.

En concreto, os establecementos participantes e as súas tapas serán os seguintes: Boca Grande (tapa Zumba), Pizzería Centro Tabeaio (Xabaril estufado con cogomelos), A Taberna XXI (Filloa crocante rechea de grelos e bacallau), Bodega O’ Alprende (Lingua estufada con guarnición), Pío Lindo (Solombo con crema de castañas e cogomelos), O’ Lareiras (O quiñino do Lareiras), A Rotonda (Cóctel de polbo con emulsión de pataca) e Caravel (Truladas Caravel).

A mecánica do concurso é sinxela, as persoas interesadas deberán visitar os negocios participantes, degustar a tapa do local, solicitar que lle selen o folleto e votar á Mellor Tapa 2019 -isto último, unha vez teña completados seis selos diferentes-.

Os petiscos terán un prezo de 1 euro cada un. Ademais, como parte da iniciativa, o público participante optará a premios como un estoxo de botellas de viño, unha cea/comida, produtos relacionados co café e unha cesta de Nadal, entre outros agasallos.

 

Concurso de Tapas Carral, con moito gusto

Cartel Concurso de Tapas ‘Carral, con moito gusto’

O Concello de Carral celebrará mañá, venres 29 de novembro ás 20.30 horas, unha sesión do seu pleno ordinario. Entre outros puntos, o equipo de goberno presentará unha proposta para solicitar a Fomento a cesión gratuíta de dous tramos na antiga N-550, á altura de Ponte Lago e Herves para que pasen a ser de titularidade municipal.

Con todo, o goberno local pedirá, ademais, que o organismo acometa unha serie de obras de mellora e acondicionamento nestes treitos que permitan deixalos en perfecto estado. Unha vez efectuada a cesión, o Concello asumiría os labores de mantemento necesarias. Con esta medida, o Concello busca mellorar a seguridade viaria nestes puntos, que actualmente se atopan en malas condicións.

O pleno servirá tamén para aprobar a modificación de dous proxectos de obra: o de mellora de viais nas parroquias de Tabeaio e Sergude e o de acondicionamento de vías en Santo Estevo de Paleo.

Por unha banda, no de Tabeaio e Sergude, o proxecto redactado en 2018 incluía actuacións na Lameira e no vial A Revolta, no límite do termo municipal. Neste caso, o equipo de goberno propoñerá substituír a intervención na Lameira pola realización de obras na contorna do Campo de Fútbol Os Capelos. Segundo sinala o equipo de goberno, o Concello non recibiu o permiso de Patrimonio para levar a cabo os traballos na Lameira, que debían axustarse ao disposto na Guía de boas prácticas para actuacións nos Camiños de Santiago. A intervención programada nos Capelos incluirá o acondicionamento da zona de acceso e do aparcamento, beneficiando a un gran número de veciños e veciñas que fan uso desta instalación municipal.

Doutra banda, no caso das actuacións na parroquia de Paleo, substituirase un vial por outro. O proxecto inicial contemplaba obras no camiño que comunica o centro de saúde de Paleo con Agra de Paleo e outra na vía de local social de Ans, que se une co límite do concello no lugar do Bordón. Neste caso, despois de realizar dúas visitas á zona, determinouse que para acometer os labores neste segundo camiño –local social de Ans- sería necesario un aumento considerable do custo de obra. Ademais, tal e como explican desde o goberno local, o camiño que se incluía no proxecto inicial termina no río Barcés e non dá servizo a ningunha vivenda da zona. No seu lugar, o goberno local proxecta a execución de obras no vial que une Grela de Paleo co lugar de O Quenllo. Este camiño atópase nun núcleo de poboación con máis densidade e con máis transito, o que redundará no beneficio dun maior número de veciños.

Servizo de tesourería

Por último, o pleno ordinario de mañá servirá para aprobar a creación dun servizo conxunto de tesourería local cos Concellos de Abegondo, Bergondo e Miño, que permitirá que sexa asumida por un hablitado nacional. O labor da tesourería local requirirá só dunha xornada de traballo semanal para dar resposta a todas as necesidades do Concello. Actualmente, os catro Concellos contan con habilitados nacionais en Secretaría e Intervención, pero non en Tesourería, dada a dificultade que supoñería para cada un de forma individual para a carga de traballo existente. Por esa razón, os catro concellos apostan por compartir o servizo cun mesmo habilitado.

Curso AFACO

O Concello de Carral organiza, en colaboración coa Federación de Alzhéimer  Galicia (FAGAL), a Asociación de Familiares de Enfermos de Alzhéimer e a Consellería de Política Social da Xunta de Galicia, un curso dirixido a coidadores e coidadoras de persoas con demencia.

Ao longo do programa formativo darase unha explicación  introductoria sobre o Alzhéimer, abordaranse os síntomas da enfermidade (cognitivos e trastornos psicolóxicos, entre outros), as alternativas farmacolóxicas existentes e a comunicación coas persoas con demencia, entre outras temáticas. A encargada de impartir o curso será  Nerea Rey,  logopeda e responsable dun dos centros terapéuticos de  AFACO.

O obxectivo desta formación é que os coidadores adquiran todas as habilidades e coñecementos necesarios para mellorar e facilitar a atención que prestan ás persoas con demencia.

O curso levarase a cabo os días 26, 27 e 28 de novembro en horario de 17.00 a 20.00 horas na Casa da Cultura de Carral. Esta acción formativa está a suscitar un gran interese entre os veciños e veciñas do municipio. As prazas son limitadas, polo que é necesario inscribirse previamente. As persoas interesadas en anotarse poden chamar ao Edificio Social  Toñito Espiñeira no teléfono 981 61 35 20 ou a  AFACO no teléfono 981 20 58 58 (extensión 3001).

FOTO CARRAL-Carral inaugura este sábado su Ciclo de Teatro de Outono con nueve obras de todos los géneros

O Concello de Carral inaugurará esta fin de semana o seu Ciclo de Teatro de Outono, un evento anual que crece, ano tras ano, en cifras de asistencia. O programa da nova edición conta con nove funciones teatrais moi diversas. Así, ao longo do ciclo, haberá representacións para todos os públicos e con temáticas moi diversas. A maioría das obras están enmarcadas dentro da Rede Cultural da Deputación da Coruña. Unha delas, Iriña Bailarina (Teatro dúas Gazafelhos), realizarase a través da Rede de Dinamización Lingüística da Xunta de Galicia.

O grupo Charamusca Teatro, natural de Carral, dará o pistoletazo de saída mañá, sábado 19 de outubro ás 20.30 horas, no Local Social Xente Nova de Tabeaio. Farao coa estrea O convidado, unha comedia dirixida por José Leis.

Xurxo Cortázar tomará a substitución unha semana despois, o 26 de outubro, co seu espectáculo Desconexión –Local Social Xente Nova de Tabeaio, 20.30 horas-. O humor e a reflexión mestúranse nesta obra, que relata a historia dun boneco de semáforo.

A compañía O Aturuxo de Melpómene aterrará o 2 de novembro ás 20.30 horas no local de Tabeaio. Nesta ocasión, a agrupación subirase ao escenario con Algo pasa con Paco, unha comedia de maxia e enredos na que Paco, o protagonista da historia, aprenderá que a vida non só é branca ou negra, senón que está chea de cores.

Chévere traerá, o sábado 16 de novembro, a súa obra Fillas Bravas, na que as mulleres cobran un papel protagónico. Así, a través da música da pandeireta e das súas propias voces, tres mulleres contarán historias ao público asistente. Unha vez máis, a representación terá lugar no Local Xente Nova de Tabeaio ás 20.30 horas.

Teatro Atlántico deleitará aos veciños e veciñas coa súa obra Dúas donas que bailan o sábado, 23 de novembro, ás 20.30 horas en Tabeaio. A través desta función, a compañía fará reflexionar ao público sobre a situación das persoas maiores que viven soas: a súa relación cos seus coidadores e coidadoras e a súa forma de ver a vida, entre outros aspectos.

O Teatro dous Gazafelhos traerá o seu espectáculo Iriña Bailarina o domingo, 24 de novembro, ás 12.00 horas ao Toñito Espiñeira. Esta función está dirixida ao público infantil e familiar.

Andaravía Teatro chegará a Tabeaio coa súa comedia República de Gundián. A cita está prevista para o sábado, 30 de novembro ás 20.30 horas, no Local Xente Nova de Tabeaio.

O sábado, 7 de decembro, Cayetano Lledó regresará a Carral con Le Cirque –Local Xente Nova de Tabeaio, 20.30 horas-. Durante a función, Lledó mesturará a maxia e unha posta escénica en grao sumo espectacular para representar a diferentes personaxes que forman parte dun circo.

Baobab Teatro será a encargada de pechar o Ciclo de Teatro con Puño Puñete. Esta función está dirixida ao público infantil, e levará a cabo o sábado, 14 de decembro ás 19.00 horas, no Local Xente Nova de Tabeaio.

O acceso para asistir a calquera destas funcións é libre e gratuíto. Rógase, iso si, puntualidade para acudir ás representacións teatrais.

 

Cartel Ciclo de Teatro de Outono Carral

Cartel Ciclo de Teatro de Outono Carral

A compañía galega Larei Lará presentou o xoves 10 de outubro o espectáculo Brancaneves e os 7 para nenas e nenos de educación infantil de Carral e Tabeaio. Con esta función iniciouse o programa do festival Galicreques en Carral.

Brancaneces o os sete - Carral 2019 (1)

 

 

A segunda e última función de Galicreques terá lugar o vindeiro domingo, ás 18:00 h, no local Xente Nova de Tabeaio. A compañía A Xanela do Maxín ofrecerá a posta en escena do coñecido conto A toupiña que quería saber quen lle fixera aquilo na cabeza, para idades superiores aos 2 anos de idade. A toupiña saía do seu tobo e algo lle caeu na cabeza, a modo de pucho cheirento. Daquela, percorrerá a granxa investigando -moi indignada- cal dos animais que alí viven lle fixera semellante agravio: a pomba, o cabalo, a lebre… É Unha obra simpática e escatolóxica que provoca gargalladas e fai que os espectadores empaten coa toupiña, ferida no seu orgullo.

Galicreques supón a antesala ao ciclo de outono de teatro que comezará a vindeira semana coa obra Convidado do grupo carralés Charamusca.

Unidade móbil inspección técnica vehículos agrícolas

A unidade móbil de inspección técnica de vehículos agrícolas desprazarase a Carral os vindeiros días:

  • 21, 22 23 de outubro: de 9.00 a 13.30 horas e de 15.15 a 18.00 horas. A unidade móbil estará xunto ao punto limpo (Polígono Os Capelos).

Para solicitar cita previa, é preciso chamar ao teléfono 902 30 90 00.