A Concellería de Cultura organiza a terceira edición do ciclo Venres de Monólogo, que se desenvolverán durante os vindeiros catro venres no edificio Social Toñito Espiñeira.
Para este ano ampliouse o programa, pasando de tres a catro contadores de historias. Así, Alberte Montes, Víctor Grande, Pepo Suevos e Brais das Hortas forman o cartel para encher de contos orais e humor as noites dos venres.
Abrirá o ciclo Alberte Montes co seu monólogo Galego pode ser calquera. Alberte é actor, guionista, director e locutor, e leva máis de 8 anos como monologuista. Formouse como actor no Estudi Nancy Tuñón i Jordi Oliver de Barcelona. Traballou en compañías como Furafollas ou Teatre Obligatori e a nivel individual representou varios espectáculos en teatros de Barcelona (Teatreneu, Teatre Llantiol…).
No terreo audiovisual participou nunha ducia de curtametraxes, algunha delas premiadas a nivel nacional (“2OS”) e recentemente nas longametraxes REC (4) e “El olivo” de Iciar Bollaín. Ten colaborado tamén en programas televisivos da produtora El Terrat como “Salvados”, “Buenas noches y Buenafuente” ou “En el Aire” e noutros da TVG. Este verán gravou a súa primeira ficción televisiva para esta canle, “Augasquentes”. Alberte encarna ao avogado Quique e a serie producida por Ficción Producciones estrénase en outono.
Todos os monólogos comezarán ás 21:00 h, e prégase puntualidade porque non se permitirá o acceso unha vez comezada a función para non interromper o monólogo.