Tag Archive for: concurso

No remate do curso escolar, entregáronse os premios dos concursos escolar e xuvenil de poesía que se organizan co Premio Concello de Carral. Nesta novena edición dos certames que tiveron lugar no CEIP Vicente Otero e no IES Carral participaron case 70 alumnos e alumnas. Os poemas gañadores escribíronos:

  • Concurso Escolar (CEIP Vicente Otero):
    • Nerea Vázquez Nogueira (5º A)
    • Uxía Budiño Prego (5º A)
    • Santiago Gandica Zambrano (6º C)
  • Concurso Xuvenil (IES Carral):
    • Adriana Pito Tubío (1º A)
    • Carlos Manuel García Penelas (1º A)
    • Mara Barcia López (1º A)

Todo o alumnado participante nos certames recibiu da man da concelleira de Cultura, Isabel López, agasallos cedidos pola Secretaría Xeral de Lingua da Xunta de Galicia.

Os concursos escolar e xuvenil de poesía organízase para alumnado de 5º e 6º de Primeira e alumnado da ESO de Carral, como actividade posterior ao obradoiro de poesía que o departamento de Cultura organiza nos centros educativos de municipio, animando así a escrita lírica e a lectura de poemas entre a mocidade.

O poemario escrito conxuntamente por Sara Plaza e Baldo Ramos ven de ser elixido como a obra gañadora do 29º Premio de Poesía Concello de Carral. É a primeira ocasión no que o certame premia unha autoría dobre.

O premio está dotado con 3.500 € e a publicación da obra en Edicións Espiral Maior.

Dun total de 77 obras presentadas ao concurso, o xurado, por unanimidade, decidiu premiar Porcelana e chumbo pola súa voz elixíaca, grave e meditativa. Pon en valor que a escrita aparece como unha forma de acompañar a perda, a cegueira e a memoria moi presentes en todo o traballo. Destaca tamén a madurez expresiva, a densidade poética, as imaxes innovadoras que afondan nos grandes temas universais: a soidade, o paso do tempo e o valor do íntimo. Ademais o xurado quere salientar a orixinalidade que supón crear un  poemario a dúas voces.

O xurado estivo constituído pola concelleira de Cultura, Isabel López, que exerceu de presidenta, as poetas Branca Trigo, Miriam Ferradáns e Modesto Fraga, e o técnico de Cultura e coordinador do certame, Carlos Lorenzo, como secretario con voz e sen voto.

Baldo Ramos (Celanova, 1971), que xa obtivera este premio na súa quinta edición, é poeta e artista plástico. A súa obra poética compóñena unha vintena de libros, entre os que detacan, A árbore da cegueira (2002), El sueño del murciélago (2003), Escura e transparente (2005), Monólogo do calígrafo (2008), Palimpsesto (2009), Palabras para un baleiro (2009), A ferida de comprender (2011), Cartografía do exilio (2014), Cartas dende o esquenzo (2018), Palabras sen ninguén (2019), Porque te quero (2020) ou No interior do abandono (2020). Recibiu os premios Celso Emilio Ferreiro, Rosalía de Castro, Concello de Carral, María del Villar Berruezo, Arcipreste de Hita, Fiz Vergara Vilariño e ten sido accésit do Premio de Poesía Iberoamericana Víctor Jara e do Premio de Poesía Miguel González Garcés.

A súa obra poética aparece en antoloxías como Enfocarte (ed. Teresa Seara, 2002), Poetas en blanco y negro (ed. Amalia Iglesias Senra, Madrid, 2006),Veinte puntos de fuga (ed. Teresa Seara, Caracas, 2011), Antoloxía de referencia (ed. Carlos Arias-Mariña Pérez Rei, Santiago, 2012), Novas de poesía. 17 poetas (ed. Ana Gorría, Lugo, 2013) ou Migrant Shores, (ed. Manuela Palacios, Salmon Poetry, County Clare-Ireland, 2017).

A súa obra plástica ten sido exposta individualmente en diferentes galerías, museos e feiras de arte de todo Estado.

Sara Plaza Moreno, nada en Bustarviejo (comunidade de Madrid) en 1972, é unha escritora, tradutora e ilustradora española en lingua galega. Entrou en contacto coa lingua galega a través de xornais dixitais, programas culturais da TVG e portais na rede. Participou nos cursos de verán de lingua e cultura galegas “Galego sen fronteiras”, organizados polo Instituto da Lingua Galega da USC e a Real Academia Galega. En 2019 instalouse en Lugo e matriculouse na USC no Mestrado en Dirección de Actividades Educativas da Natureza. En 2020 gañou a XXXIII edición do premio de poesía Pérez Parallé coa obra Todos os pasos fan ruído.

O acto de entrega do premio, así como a presentación da obra gañadora na pasada edición, Especies invasoras, de Branca Trigo, terá lugar o venres 5 de xuño na Casa da Cultura.

O Concello de Carral celebrará o Entroido o vindeiro domingo 15 de febreiro de 2026 cunha variada programación festiva que terá lugar no Campo da Feira. O evento virará en torno ao tradicional desfile e concurso de disfraces, unha iniciativa que busca estimular e fomentar a participación veciñal.


A xornada comezará ás 17:00 horas co desfile das persoas participantes nos diferentes concursos. O percorrido partirá desde a rúa Víctor Velasco e discorrerá pola rúa Manuel Ferrol, rúa Paraíso, avenida dúas Mártires, rúa Víctor Velasco, rúa Belvís de Paleo e rúa de Paleo, finalizando no Campo da Feira, onde se desenvolverá o resto da programación.


O concurso contará con catro modalidades de disfraces: infantil, dirixida a nenos e nenas de 0 a 11 anos; individual ou parellas, a partir de 12 anos; comparsas, formadas por máis de cinco integrantes; e comparsas con carroza, con máis de dez participantes.


No Concurso Infantil de Disfraces premiaranse os cinco mellores disfraces con agasallos. Na modalidade de disfraces individuais ou por parellas outorgaranse catro premios económicos, cunha dotación de 150 euros para o primeiro premio, 100 euros para o segundo, 75 euros para o terceiro e 50 euros para o cuarto clasificado.


No Concurso de Disfraces de Comparsas premiaranse as tres mellores agrupacións con 300 euros para o primeiro premio, 200 euros para o segundo e 100 euros para o terceiro. Pola súa banda, o Concurso de Comparsas con Carroza repartirá cinco premios económicos, sendo o primeiro de 500 euros, o segundo de 400 euros, o terceiro de 300 euros, o cuarto de 200 euros e o quinto de 100 euros. A entrega de premios está prevista para as 20:00 horas no Campo da Feira.


O prazo de inscrición para poder participar abrirase ao día seguinte da publicación do extracto da convocatoria na páxina web do Concello de Carral e finalizará ás 14:00 horas do xoves 12 de febreiro de 2026. A inscrición para o concurso infantil poderá realizarse na Casa da Cultura, de forma presencial, por teléfono no 981 672 580 ou por correo electrónico en casadacultura@carral.es, en horario de 09:00 a 14:00 e de 17:00 a 20:00 horas.


Para as modalidades con premios económicos, a inscrición deberá formalizarse a través da Sede electrónica do Concello de Carral mediante unha Solicitude Xeral, anexando o Anexo I debidamente cuberto e asinado.


Para finalizar, a celebración do Entroido en Carral pecharase ás 21:30 horas coa actuación musical de Somoza Trío, que poñerá o broche a unha xornada festiva pensada para todos os públicos.

BASES CONCURSOS DE ENTROIDO CARRAL 2026

O Concello de Carral organiza o “Concurso de decoración de vivendas e comercios polo Nadal 2025”, unha iniciativa promovida desde a concellería de Cultura, Turismo e Comercio que ten coma fin recoñecer a creatividade das veciñas e veciños do nosos municipio ao tempo que se fomenta o espírito de Nadal e se embelece o noso municipio.

Prazo de presentación solicitude.

  • Desde o día seguinte da publicación das bases no BOP da Coruña ata o 15 de decembro (incluido).

Lugar de presentación.

  • Telemáticamente na sede electrónica do concello de Carral (dirección web)
  • No rexistro municipal (Casa do Concello).

Documentación.

  • Anexo I
  • Copia D.N.I
  • Copia D.N.I. da persoa representante se procede

Prazo presentación fotografías e/ou video.

  • Do 16 ó 18 de decembro.
  • Enviar 4 fotografías e/ou 1 vídeo a omix@carral.es.
  • Indicar no correo electrónico o nome do/a participante.
  • OMIX Carral (Local interxeracional. R/ Alcalde Juan Seijas, nº8, baixo) ou Casa da Cultura (r/ Paleo 17)
  • Teléfono e whatsapp 674.793.475 ou 981.67.25.80
  • Correo electrónico: omix@carrales ou casadacultura@carral.es

O Concello de Carral organiza unha nova edición do Concurso de Tapas destinado aos establecementos de hostalería do municipio.

O prazo para inscribirse será do 8 ao 11 de novembro.

Para consultar as bases e o xeito de inscribirse preme aquí.

 

O departamento de Cultura do Concello de Carral ven de lanzar a convocatoria dunha nova edición do seu certame de poesía, que está dotado con 3500 euros e a publicación do libro gañador en Edicións Espiral Maior.
Neste ano 2022 chégase ás 25 edicións, sendo un dos concursos de referencia no ámbito da poesía galega.
Esta edición do premio fixa un prazo para presentar exemplares aberto ata o 7 de abril. Poderán presentar obras os autores e autoras maiores de idade, con poemarios cun mínimo de 500 versos escritos en lingua galega.
O premio entregarase o 10 de xuño no mesmo acto de presentación da edición do libro gañador da vixésima cuarta edición do concurso, titulado Os puntos do impacto de Álex Mene.
Para ampliar información, as persoas interesadas poden dirixirse á Casa da Cultura de Carral, no teléfono 981 672580, no correo electrónico cultura@carral.es ou a través da web carral.es.

Bases do XXV Premio de Poesía Concello de Carral

BASES

O Concello de Carral quere fomentar entre a súa veciñanza, aproveitando a festividade do Nadal, o ornamento exterior das vivendas, tentando así un embelecemento xeral do municipio que servirá para o goce de residentes e visitantes.

Para iso, o Concello de Carral convoca un concurso que se rexe polas seguintes bases:

  1. Poderán participar no concurso as persoas maiores de idade propietarias ou residentes en calquera vivenda (casas ou pisos) do municipio de Carral. Non está permitida a participación de establecementos comerciais ou industriais.
  2. No concurso valoraranse exclusivamente as decoracións externas das vivendas con motivos do Nadal (adornos, luces…). O xurado valorará aspectos como a orixinalidade, a composición estética e a adaptación ao contorno.
  3. As persoas participantes deberán mandar por WhatsApp ao número 674 793 475, un máximo de 8 imaxes que amosen a decoración. No caso de vídeos, deberán ser en formato mp4 e non terán unha duración maior aos 20 segundos. Recoméndase verificar a calidade de imaxe das fotografías e dos vídeos para que teñan a nitidez necesaria para a súa valoración.
  4. Xunto coas imaxes, indicaranse os seguintes datos:
    • Nome e apelidos da persoa participante
    • Teléfono de contacto
    • Enderezo da vivenda decorada
    • Ubicación por satélite (a que ofrece a aplicación de WhatsApp) da vivenda.
  5. As candidaturas pódense enviar ata as 23:59 h. do 21 de decembro.
  6. As persoas gañadoras daranse a coñecer a través da web municipal es e mediante chamada telefónica.
  7. Os premios entregaranse o 23 de decembro na Casa da Cultura.
  8. Correspóndelle ao xurado e ao Concello de Carral a interpretación das presentes bases.

O departamento de Cultura do Concello de Carral, ven de convocar unha nova edición do seu certame de poesía, que está dotado con 2500 euros e a publicación do libro gañador en Edicións Espiral Maior.

Neste ano 2021 chégase ás 24 edicións, sendo un dos concursos de referencia no ámbito da poesía galega.

A nova edición do premio fixa un prazo para presentar exemplares aberto ata o 31 de marzo. Poderán presentar obras os autores e autoras maiores de idade, con poemarios cun mínimo de 500 versos escritos en lingua galega.

O premio entregarase o 28 de maio, dentro dos actos das Letras Galegas en Carral, no que ademais se prevé a presentación da edición do libro gañador da vixésima terceira edición do concurso, titulado Nas pulsacións de Manuel López Rodríguez.

Para ampliar información, as persoas interesadas poden dirixirse á Casa da Cultura de Carral, no teléfono 981 672580, no correo electrónico cultura@carral.es ou a través da web carral.es.

Por mor da pandemia, este ano o Nadal será un pouco diferente, por iso desde a OMIX (oficina municipal de información xuvenil) organizamos un concurso de videos de TikTok para que rapazas e rapaces a partir de 10 anos, feliciten o Nadal a todas/os as/os veciñas/os de Carral.

Para elo tes que enviar o teu vídeo a omixcarral@gamil.com ou un whatsapp ao 674.793.475, xunto coa ficha de participación ata o 30 de decembro de 2020

 

FICHA PARTICIPACIÓN

 

BASES CONCURSO “ANIMA O NADAL DE CARRAL” (#nadalcarraltitok)

 

PRIMEIRA.- OBXECTIVOS

Este Nadal por mor da pandemia non vai ser como en anos anteriores. Por iso e para felicitar e animar estas datas, convócase desde a OMIX do Concello de Carral, este concurso co que se pretende estimular a creatividade entre a mocidade, e animala a crear vídeos en galego, enviando un vídeo realizado en TikTok.

 

SEGUNDA.- PERSOAS DESTINATARIAS

Poderán participar todas as mozas e mozos de Carral a partir de 10 anos e ata os 30 anos, de xeito individual ou por parellas. No caso de participar dúas persoas no mesmo vídeo, deberá ser con pantalla compartida para cumprir as normas sanitarias de seguridade. A ou as persoas que participen nos vídeos deberán cubrir a ficha de participación, que se atopará na web municipal (carral.es), e que no caso de menores de idade deberá estar asinada pola súa nai/pai ou titor/a legal.

 

TERCEIRA.- PREMIOS

O concurso establece un premio para o/a gañador/a, á/ó que se lle notificará a través de chamada telefónica.

 

CUARTA.- CARACTERÍSTICAS E CONDICIÓNS DOS VÍDEOS

  • Os vídeos teñen que estar en lingua galega e deben ser de creación propia, a través da aplicación TikTok, e nos que se valorará a creatividade e orixinalidade.
  • A temática terá que ser referente ó Nadal.
  • A duración de cada peza estará comprendida entre os 15 e os 60 segundos.
  • Non se admitirán vídeos que promovan unha mensaxe violenta, denigrante ou ofensiva.

 

QUINTA.- PRAZOS, INSCRICIÓN DOS VÍDEOS E PROCEDEMENTO

O derradeiro día para recibir os vídeos de Tik Tok será o 30 de decembro de 2020.

Para inscribise no concurso deberase enviar ao correo electrónico omixcarral@gmail.com, ou un whatsapp o teléfono 674.793.475 coa seguinte documentación:

  • FICHA DE PARTICIPACIÓN, cuberta, asinada (no caso de menores de idade asinarán os/as representantes legais). Descargarase da páxina web municipal.
  • VÍDEO co que se vai participar.

A organización comprobará que se compren os requisitos e validará a inscrición a través dun correo de confirmación.

Todas as pezas admitidas subiranse ao Facebook da Omix Carral.

 

SEXTA.- XURADO

O xurado estará composto por persoal municipal e polo concelleiro de Xuventude, que valorarán o atractivo das pezas no seu conxunto, tanto na forma como no contido, tendo en conta aspectos como a orixinalidade e a creatividade.

 

SÉTIMA.- FASE FINAL

As pezas, así como o seu título e autoría, faranse públicos. Os datos persoais facilitados polas persoas participantes terán como única finalidade a participación no concurso e serán eliminados unha vez rematado este.

A participación neste concurso implica a completa aceptación das bases e das decisións do xurado designado.