As actrices Marián Bañobre e Isabel Risco, da compañía Ibuprofeno Teatro, presentan este sábado O Furancho, escrita e dirixida por Santiago Cortegoso. A función será no local Xente Nova de Tabeaio, ás 20:30 h.
O Furancho é unha obra teatral cargada de “agroglamour” no que se fusiona a estética máis “trendy” con elementos propios da máis pura tradición, como os zocos e o pololo. Cada un dos detalles é parte dun todo harmónico configurado a partir de estilismos minimalistas e cálidos que sintetizan o pasado co presente, o rural co cosmopolita, o loureiro coas novas tecnoloxías. Dúas mulleres fortes, con carácter e desbordante personalidade, que definen á perfección a esencia enerxética e desvergonzada das pallasas: dúas iconas femininas fonte de inspiración para todas esas loitadoras que son quen de poñer o mundo patas arriba para lograr que os seus soños se fagan realidade.
Este espectáculo está incluído no ciclo Teatro de Outono que organiza a Concellería de Cultura do Concello de Carral.
A entrada é libre e o aforo limitado. Unha vez comezada a función non se permitirá o acceso á sala.