O Concello de Carral vén de anunciar a obra gañadora da 28ª edición do seu Premio de Poesía: Especies invasoras, autoría da viguesa Branca Trigo Cabaleiro. O certame contou nesta edición cunha participación récord de 100 obras, consolidándose así como un dos principais referentes da poesía en lingua galega.
O xurado, presidido polo alcalde Javier Gestal e co técnico de cultura Carlos Lorenzo como secretario, estivo composto tamén por destacadas figuras do ámbito literario galego; Silvia Penas, gañadora da edición de 2024: Armando Requeixo, crítico e investigador literario; e Antía Marante, poeta, tradutora e docente. Tras a avaliación de todas as obras presentadas, o xurado decidiu por unanimidade outorgar o premio a Especies invasoras, presentada baixo o lema Magma.
A obra gañadora foi eloxiada polo xurado como “un libro de poemas que explora de xeito radical a identidade, o desarraigo e a violencia estrutural”, facendo emprego da metáfora da invasión biolóxica para abordar temas como o corpo, a casa e a memoria. Destacouse a súa estrutura fractal, a forza imaxinativa e a capacidade para fundir o íntimo e o colectivo nunha linguaxe poética profundamente innovadora e transgresora.
O premio está dotado con 3.500 euros e a publicación da obra por parte da editorial Espiral Maior. A entrega oficial do galardón terá lugar o venres 30 de maio na Casa da Cultura de Carral, nun acto no que tamén se presentará o libro A pel do exilio de Silvia Penas, gañador da edición anterior.
O Premio de Poesía Concello de Carral conta coa colaboración da Consellería de Cultura da Xunta de Galicia, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística e da Dirección Xeral de Cultura. Ademais, o certame vén de recibir o terceiro premio “Rodolfo Prada á xestión cultural” outorgado pola Deputación de Ourense, recoñecendo así a súa traxectoria e impacto no panorama cultural galego.
Branca Trigo, voz transgresora da poesía galega actual
Branca Trigo Cabaleiro (Vigo, 1997) é poeta, editora e dinamizadora cultural. Codirixe Edicións Malafera, onde publicou os libros Coñecemento do Medo e trans0, así como varios fanzines. É tamén autora do poemario Condolore e participou en diversas publicacións colectivas como Alguén nos lembrará ou Gótico Urbano. Traballa na intersección entre poesía e outras artes a través de proxectos como Poetry Sniping: Simulacro, xunto a Pablo Rodríguez, ou accións en directo coa pintura de Ramón Trigo.
Tamén organiza o micro aberto Cerimonia de Gaivotas e coordina obradoiros de creación en distintos espazos culturais e educativos. Actualmente realiza a súa tese de doutoramento na Universidade de Vigo, centrada na monstrosidade queer dentro da poesía galega contemporánea.