Tag Archive for: cultura

INSTALau-01A concellería de Cultura do Concello de Carral ofrece diversas propostas culturais desde o mércores ata o domingo desta semana.

A escritora Emma Pedreira visitará este mércores o Club de Lectura da Biblioteca municipal para comentar coas súas participantes sobre o proceso creativo na escrita de poesía, centrando a atención na súa obra Libro das mentiras co que gañou o premio Concello de Carral no ano 2011.

Os ratos da biblioteca de Trinketrinke volven este xoves para ofrecer a nenas e nenos de 5 a  8 anos de idade o seu contacontos teatral Aprendendo a querer, que aborda o tema da saúde afectiva. A sesión terá lugar na Casa da Cultura ás 18:00 h.

O programa Cine na Casa da Cultura presenta o venres, ás 20:30 h. o filme galego Eroski Paraíso, producida a partir da exitosa obra teatral homónima da compañía Chévere e protagonizada por Miguel de Lira e Patricia de Lorenzo. Conta distintas historias reais ocorridas na sala de festas “Paraíso”, que funcionou en Muros ata o ano 1990 e que logo foi convertida nun supermercado.

Teatro da Ramboia trae o sábado a Tabeaio O meu mundo non é deste reino, unha obra teatral baseada no texto de Manuel María e que se presenta en Carral grazas ao convenio que o Concello ten coa fundación do autor chairego. O espectáculo comezará ás 20:30 h.

Durante a fin de semana a Casa da Cultura e o pavillón do Espiño acollerán o ciclo Elas son artistas que se ven desenvolvendo na Coruña e nos concellos da súa área metropolitana. En Carral a actividade consistirá por unha banda na realización dun mural a cargo dun grupo de mozas e nun concerto de Lau, unha xove cantautora de Cambre que está a sorprender pola súa calidade artística en todos os concertos que leva feito. A súa actuación terá lugar no pavillón municipal ás 18:00 h. do domingo, mentres as participantes no obradoiro de pintura rematan o mural ao seu carón.Eroski_Para_so-342605765-large

Para todas as actividades é necesario inscribirse no teléfono da Casa da Cultura 981 672 580, dadas as limitacións de aforos e para garantir as medidas sanitarias que axuden a evitar os contaxios do coronavirus. Todas as sesións rematarán coa antelación suficiente para poder respectar as limitacións de movilidade fixadas polo estado de alarma.

 

 

Cartel Noite de Película 2020O ciclo anual Noites de película que organiza a Concellería de Cultura do Concello de Carral, coa colaboración da Rede Cultural da Deputación da Coruña, volve esta semana con dúas películas de gran éxito.

Bohemian Rhapsody, o biopic sobre Freddie Mercury e o seu grupo Queen é a película que se ofrecerá o martes 1 de setembro, mentres que o thriller Quien a hierro mata presentarase o mércores 2 de setembro.

Ámbalas proxeccións comezarán ás 22:00 h.

Durante as películas é obrigatorio o uso da máscara e manter a distancia de seguridade.

portada Talabarte lowO ciclo de concertos Músicas Íntimas, concertos na Piscina chega esta fin de semana á súa quinta edición coa participación de Talabarte e Las Antonias.

Fake é o título do concerto de Talabarte, que coas súas músicas do mundo ocuparán o escenario o sábado. Pola súa banda Las Antonias actuarán o domingo co seu espectáculo Boleros e outras delicias. Os concertos comezarán ás 22:00 h.

O aforo está limitado polas exixencias sanitarias, polo que é necesario solicitar convites chamando á Casa da Cultura ao 981 67 25 80 antes das 12:00 h. do venres. No caso de choiva os concertos trasládanse á Casa da Cultura limitando a asistencia aos primeiros 25 convites.

Talabarte está formado por Quim Fariña, Kin García e Pedro Pascual, nomes intimamente vencellados con grandes proxectos da música galega coma Berrogüetto ou Marful e tamén con prestixiosos músicos de jazz coma Jorge Pardo, Walter White ou Steve Brown. Tras publicar o seu primeiro traballo discográfico, recibiron grandes eloxios de crítica e público, levando a súa musica por teatros, auditorios e festivais da Península Ibérica, Bretaña, Serbia… Fake saíu en 2016 con ilustracións de Pablo Xiráldez “O Pastor” e textos de Carlos Meixide acompañando músicas inspiradas por esas historias que non se sabe canto teñen de real e canto de mentira.Las Antonias Trío 2

Las Antonias nacen en 2015 na Sala Mardigras da Coruña cando dúas compañeiras de baile, das que queiman pista, decídense a montar unha banda feminina. Toma forma coa necesidade de devolverlles ás cancións de toda a vida, o empoderamento que as mulleres se merecen. Destripan boleros, tangos e outras delicias fundindo as súas voces entre guitarra, escobillas, melódica e un  fagot atopado. Introdúcennos con histriónico pracer no seu mundo Antoñil para facernos sentir e saber que todos somos Antonias e Antonios. Elas son Antonia Le (Ana Le), Antonia Colorees (Mamen  Bazarra) e Antonia  Pentagramas (Elena García-Fresca).

Músicas Íntimas conta co apoio de Agadic e a Deputación da Coruña.

Manuel_Lopez_Rodriguez_2_15x10

Manuel López Rodríguez

Manuel López Rodríguez (Noia, 1978), coa súa obra Nas pulsacións, resultou gañador do Concurso de Poesía “Concello de Carral” do presente ano.
O xurado salienta neste poemario o feito de que amosa un discurso lírico sólido e inspirado, con gran riqueza léxica e con interesantes achados estilísticos.
Manuel López Rodríguez ten publicado un libro titulado Antítese nativa, así como múltiples poemas en revistas e volumes colectivos. Foi ganador dos premios Suso Vaamonde de poesía, Eduardo Pondal e López Ardeiro, entre otros.
O xurado do concurso estivo formado por Miriam Ferradáns, José Mª Paz Gago e Xurxo Alonso, coa presidencia do concelleiro de Cultura, Francisco Bello Hermida, e asistidos en calidade de secretario, polo técnico municipal de Cultura e coordinador do premio, Carlos Lorenzo Pérez. Ao certame presentáronse un total de 42 poemarios.
O premio de Carral está dotado con 2500 euros e a publicación da obra na colección de poesía de Edicións Espiral Maior.

Xurado do Premio de Poesía Concello de Carral 2020

Xurado do Premio de Poesía Concello de Carral 2020

O acto de entrega do premio “Concello de Carral” está previsto para o mes de setembro. O mesmo acto servirá para a presentación do poemario que gañou na pasada edición, En luz escrita de Xurxo Alonso.
Como ven sendo habitual nas últimas edicións, a Xunta de Galicia colabora co Concello de Carral, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística e da Dirección Xeral de Políticas Culturais para a publicación da obra premiada.

A Concellería de Cultura do Concello de Carral está a levar a cabo un proceso minucioso de avaliación do seu premio de poesía en particular e dos certames galegos en xeral.
Ademais das conclusións obtidas coa análise dos datos do premio de Carral e de máis de 250 enquisas, o estudio completarase coas achegas de representantes de diversos colectivos implicados no sistema literario. Estas achegas terán lugar na xornada en liña que terá lugar o martes 14 de xullo ás 17:30 h, co seguinte programa:

Imaxe convite Xornada premios poesía con link.A sesión poderase seguir en directo en https://youtu.be/4a80OCFFANc

 

 

Os departamentos municipais de Normalización Lingüística e de Cultura ofrecerán o espectáculo infantil Voa, voa!, da compañía Talía Teatro.Cartel Voa voa Xoaniña - Carral.

Voa, voa! é un espectáculo dirixido especialmente para público infantil (de 4 a 9 anos) pero para desfrutar en familia, para divulgar e relembrar a arte de xogar coas palabras. Todas as tardes despois de merendar Xoana baixa a xogar ao parque. Alí coincide con Anxo, un neno introvertido que prefire estar na casa vendo a tele. Pouco a pouco vai entrando nos xogos que lle propón Xoana, todos aqueles xogos que lle ensinou a súa avoa.

A función, incluída no programa Falaredes de normalización lingüística da Xunta de Galicia, terá lugar o sábado 18 de xullo ás 12:00 h. no local Xente Nova de Tabeaio. É obrigatoria a reserva previa de convites chamando entre as 9:00 a 14:00 h. á Casa da Cultura (tel. 981 672 580) antes do xoves 16 de xullo. Para atender as normas de prevención do Covid-19, o público asistente terá asentos preasignados, só se poderán sentar xuntos membros da mesma unidade de convivencia, será obrigatorio o uso de mascara durante todo o espectáculo, e o acceso e a saída do local será de xeito gradual atendendo ás indicacións dos responsables da actividade. Para que poidan asistir o maior número posible de nenos e nenas, recoméndase que só sexa un adulto o que acompañe aos pequenos da mesma unidade de convivencia.

Máis de vinte persoas realizaron hoxe unha andaina por un dos treitos do Camiño Inglés de Santiago que transcorre polo municipio de Carral, co fin de reactivar esta ruta xacobea. A andaina comezou na área de descanso de peregrinos da Lameira, en Tabeaio, e rematou en Cañás

A andaina foi unha iniciativa da Asociación de Concellos do Camiño Inglés que pretende animar a peregrinar a Compostela por este roteiro, despois de que permanecera  pechado pola pandemia do Covid-19. Os alcaldes da asociación participaron nun acto en Sigüeiro (Oroso), no que tamén estivo o de Carral, Javier Gestal, mentres que outros membros do equipo de goberno, coordinados pola concelleira de Turismo, Lucía Vázquez, participaron no percorrido por Carral.

Andaina Camiño Inglés Carral - 2020 - 14w Andaina Camiño Inglés Carral - 2020 - 03w Andaina Camiño Inglés Carral - 2020 - 07w Andaina Camiño Inglés Carral - 2020 - 09w

Cartel Carral Andaina Primavera no Camiño.Carral, como municipio que forma parte da Asociación de Concellos do Camiño Inglés, participará dunha andaina por un treito da ruta xacobea. Terá lugar en todos os concellos da asociación o sábado 4 de xullo ás 10:00 h.

En Carral o treito que farán os participantes dun xeito seguro será desde a área de descanso de peregrinos da Lameira, en Tabeaio, ata o cruce en Cañás do Camiño Inglés coa estrada CP-1704 a Cambre. Este percorrido, dun pouco máis de 3 km, realizarase nun tempo aproximado de 1 hora.

Para participar na andaina, as persoas interesadas deberán inscribirse antes do xoves 2 de xullo na Casa da Cultura, preferentemente chamando ao teléfono 981 672 580. As prazas son limitadas. As persoas participantes deberán facelo atendendo ás medidas de seguridade, levando máscara e chaleco reflector.

Esta iniciativa da Asociación de Concellos do Camiño Inglés desenvólvese coa intención de promover a ruta xacobea e a reactivación segura do Camiño Inglés.

CARTEL sen datos webA Fundación Carlos Casares, dentro do marco de actividades desenvolvidas no programa O teu Xacobeo, da Xunta de Galicia, e grazas á colaboración do Concello de Carral e máis a Fundación Penzol, reabre este xoves 25 de xuño a exposición “Galicia escandinava. O Camiño do Oeste a Santiago de Compostela”. A inauguración tivo lugar orixinalmente o martes 10 de marzo ás 13.00h no Local da Xuventude do Concello de Carral, pero apenas 2 días despois tiveron que suspernderse as visitas tras as recomendacións da Xunta de Galicia e a posterior crise sanitaria.

A exposción, con textos en galego, castelán e inglés estará aberta entre o 25 de xuño e o 12 de xullo e está destinada a todos os públicos. Debido ás medidas de seguirdade e ao control de aforo da entrada á exposición, o horario será de 10 a 13 horas, con necesidade de cita previa no teléfono 981 11 70 20 ou consultando á chegada das instalacións a posibilidade de visita atendendo ao aforo permitido.

A EXPOSICIÓN

O eixe central da mostra é a relación dos Países Escandinavos: Suecia, Noruega, Dinamarca, e os seus antigos territorios (Islandia, Illas Feroé e Orcadas), con Galicia a través Camiño de Santiago. Explica a historia e o desenvolvemento das rutas xacobeas que cara a Compostela e amosa os fitos senlleiros do seu devir, dos puntos emblemáticos da súa xeografía, urdime de pasado e presente, e do seu patrimonio material e inmaterial. Tamén quere render unha sentida homenaxe á vida e obra dos hispanistas nórdicos que alumearon o universo xacobeo e a forxa da unidade cultural europea. A exposición bota as súas raíces nos traballos do medievalista Vicente Almazán (1924-2006), e no seu amor por Galicia.

Coincidindo coa exposición, a Fundación Carlos Casares pon a disposición dos usuarios unha sección específica da páxina web da fundación que permitirá ampliar os coñecementos sobre os aspectos que se desenvolven na exposición, con textos –ademais de en galego- en castelán e inglés, con reproducción de audio nestes idiomas para a súa consulta por parte de persoas con dificultades visuais.

Tamén estará a disposición do público, especialmente o máis novo (8-14 anos), unha guía didáctica chamada “Busca-busca”, no que se deberá indagar nos paneis para obter unha resposta a certos retos presentados.

A Biblioteca da Casa da Cultura abrirá a partir do 22 de xuño con todos os seus servizos, aínda que se manteñen restricións e recomendacións para evitar os efectos do open-book-1428428_1920coronavirus.

Os servizos que se prestarán serán os de préstamo, lectura en sala e uso de ordenadores públicos. O horario será de 10:00 a 14:00 h. de luns a venres. A biblioteca infantil situada na rúa do Castro permanecerá pechada, pero poderase dispor do seu fondo solicitando obras na da Casa da Cultura.

O protocolo que se manterá na Biblioteca é o seguinte:

  1. Horario: de luns a venres de 10:00 a 14:00 h.
  2. Servizos que se ofrecen:
    • Préstamo de libros e audiovisuais
    • Lectura en sala
    • Uso dos ordenadores públicos
  3. A atención ao público farase no mostrador da Biblioteca.
  4. O aforo queda fixado en 23 persoas.
  5. O uso da máscara é obrigatorio durante todo o tempo de permanencia nas instalacións da Casa da Cultura, incluída a Biblioteca.
  6. É obrigatorio a hixiene de mans á entrada da Biblioteca co hidroxel dispoñible no acceso.
  7. O préstamo farase nas seguintes condicións:
    • As persoas usuarias non terán acceso directo á colección .
    • Priorizarase a atención con cita previa, solicitando os exemplares desexados chamando ao 981 672 580 ou enviando un correo a biblioteca@carral.es.
    • Presencialmente poderase solicitar o préstamo de exemplares. Será o persoal da Biblioteca quen se encargue da busca e entrega da obra solicitada.
    • Para consultar o catálogo e dispoñibilidade de obras, accederase a https://rbgalicia.xunta.gal/es/biblioteca-publica-municipal-de-carral.
    • Para a devolución de libros ou audiovisuais existen as seguintes opcións:
      1. Pódese depositar na caixa do correo da Casa da Cultura (sinalizado como “Buzón” xunto ás portas principais) en calquera horario.
      2. Se non require solicitar un novo préstamo, e dentro do horario de apertura da Casa da Cultura (de 9:00 a 14:00 h.), pódese deixar no mostrador da planta baixa
      3. Se require solicitar un novo préstamo, pódese facer no mostrador da Biblioteca.
  1. A lectura nas mesas realizarase nos postos sinalados, mantendo as distancias interpersoais coas restantes persoas e evitando colocar moitos obxectos (libretas, lapis, carteiras, lentes, teléfonos, ordenadores, tabletas…) enriba das mesas.
  2. Recoméndase que o tempo de lectura nas mesas ou butacas non supere as dúas (2) horas.
  3. Poderanse usar para a lectura as butacas, sen que se poidan desprazar.
  4. O uso dos ordenadores públicos estará restrinxido a 30 minutos por persoa.
  5. Se manteñen as prohibicións de comer ou beber na Biblioteca.
  6. Respecte a sinalización e as indicacións das bibliotecarias.