O Concello de Carral acaba de adquirir un novo tapiz para a escola municipal de ximnasia rítmica por importe duns 4.300 euros. O goberno local renova así parte do mobiliario que utiliza, non só esta escola, senón tamén o Club de Ximnasia Rítmica de Carral.
Este tapiz, que conta cunhas dimensións de 14×14 metros, cunha greca de 50 centímetros e un grosor de 1,5 centímetros aproximadamente, substituirá ao antigo, que xa tiña dez anos. Este chan servirá para que as novas ximnastas fagan unha práctica máis profesional deste deporte.
A ximnasia rítmica é unha das actividades que mellor funciona en Carral. Tanto é así, que este último curso foron 65 as alumnas que tomaron parte na práctica deste deporte na escola do municipio.