O alcalde de Carral presentou esta mañá as bases da vixésima edición do premio poético “Concello de Carral”.
José Luis Fernández Mouriño, acompañado do secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, e do delegado territorial da Xunta de Galicia na Coruña, Ovidio Rodeiro, presentou na Casa da Cultura unha nova edición do certame poético, que continúa co obxectivo de contribuír ao descubrimento e consolidación dos autores en lingua galega.
O alcalde salientou a colaboración que ofrece a Consellería de Cultura e Educación, a través das súas secretarías xerais de Cultura e de Política Lingüística, que serve para que a Editorial Espiral Maior publique na súa colección de poesía o libro Devalar sen pel de Modesto Fraga que obtivo o premio na pasada edición. O libro presentarase no acto de entrega do premio deste ano, previsto para o 26 de maio.
Fernández Mouriño resaltou os 20 anos de traxectoria que leva acumulado o concurso. Co gallo destes aniversario, o alcalde anunciou que ademais do concurso, estase a filmar un documental que repasará as dúas décadas de vida do certame, e que servirá para repasar o que ten acontecido na poesía galega neste período. Presentou tamén outras actividades relacionadas coa poesía que se desenvolverán nos centros de ensino e que servirán para espallar a poesía polas rúas de Carral.
Pola súa banda Anxo Lorenzo resaltou tamén a traxectoria, xa extensa, deste premio e salientou o valor que ten para apoiar á escrita lírica galega. Salientou que o certame de Carral é dos que maior prestixio lles está a outorgar aos escritores e escritoras que o están a gañar, servindo para uns como o certame que abre as portas a unha nova carreira literaria, e para outros supón a consolidación da súa traxectoria poética. O secretario xeral tamén quixo incidir na importancia de que Edicións Espiral Maior acolla desde os inicios do certame, a publicación dos libros gañadores na súa colección de poesía, a máis importante do xénero. Que os libros premiados en Carral formen parte desta colección é un importante valor que ten este concurso.
A nova edición do certame contempla un prazo para presentar exemplares aberto ata o 8 de abril. Poderán presentar obras os autores e autoras maiores de idade, con poemarios cun mínimo de 500 versos escritos en lingua galega.
O premio entregarase o 26 de maio, dentro dos actos das Letras Galegas en Carral, no que ademais se prevé a presentación do libro gañador da décima novena edición do concurso, titulado Devalar sen pel, do que é autor Modesto Fraga.