- O POS servirá tamén para financiar a creación dunha zona de aparcamento en Cañás e a construción dun muro de contención de granito na zona.
- Como parte do Plan Complementario, o Concello executará a segunda fase do saneamento na parroquia de San Vicente de Vigo.
O Concello de Carral celebrará mañá, mércores 18 de decembro ás 20.30 horas, unha sesión extraordinaria do pleno que servirá para levar o Plan de Obras e Servizos POS+ 2020 da Deputación A Coruña. Con cargo ao Plan provincial, incluíronse intervencións cun dobre obxectivo: incrementar os servizos para os veciños e veciñas e mellorar as infraestruturas e dotacións existentes no municipio. O equipo de goberno proxecta tres grandes obras que se financiarán coa axuda provincial: a mellora da senda peonil para acceso ao área recreativa da Brexa, a construción dun muro de contención de granito e a creación de aparcamento en lugar de Bacelo (Santa Baía de Cañás) e o acondicionamento do pavillón O Espiño.
Por unha banda, no caso da área recreativa A Brexa, proponse unha importante mellora no acceso (37.701,79 euros). Como parte do plan, dotarase a senda cun pavimento tipo Aripaq, un material acorde coa contorna e resistente ao tempo e ás inclemencias meteorolóxicas. Como medida para mellorar a visibilidade da senda e ampliar os horarios de uso, colocaranse balizas nesta zona. A execución desta obra supoñerá, ademais, a adaptación do percorrido para favorecer o acceso a persoas con mobilidade reducida.
Doutra banda, en Cañás, o proxecto incluirá o acondicionamento dunha zona anexa á igrexa da parroquia para o estacionamento de vehículos (38.895,01 euros). Procederase tamén á construción dun muro de bloques de granito sobre o que se colocará un cerramento constituído por malla metálica e postes.
Por último, o Concello expón o acondicionamento do pavillón polideportivo O Espiño (34.479,43 euros). Neste caso, as obras proxéctanse tanto na parte interior –onde se eliminarán as pingueiras-, como na parte exterior –con traballos de limpeza de fachadas e aplicación de pintura plástica-.
Segunda fase do saneamento en San Vicente
Doutra banda, como parte do Plan Complementario da Deputación para investimentos financeiramente sustentables, o Concello pretende continuar coa segunda fase do saneamento na parroquia de San Vicente de Vigo. As actuacións supoñerán un custo de 241.998, 68 euros.
Con este plan, o goberno dará continuidade ás obras da primeira fase –que supoñen un custo de 134.000 euros e que implican a execución de preto de 2.000 metros lineais de colector-. Esta segunda etapa implicará a dotación doutros 3.400 metros de colector. En total, o goberno local pretende instalar 5 km de saneamento na parroquia.
Posto de tesourería
O pleno servirá tamén para elevar a proposta de estatutos para a constitución dunha agrupación cos Concellos de Abegondo, Bergondo e Miño para dispoñer dun servizo de tesourería.